Queixas en Pantón polo ruído das torres de ventilación dunha viña
Queixas en Pantón polo ruído das torres de ventilación dunha viña
Actívanse cando hai xeadas, co fin de que os gromos das vides non resulten danados
Para evitar molestias, os responsables da adega baixáronlles as revolucións ás hélices
Así é como soan, á máxima potencia, as torres de ventilación que provocaron as queixas dos veciños de varias parroquias de Pantón.
Cando a temperatura na viña baixa aos cero graos, actívanse as hélices dos aparellos, co fin de mover o aire e evitar que as xeadas danen os gromos das vides. Os afectados mesmo comparan o ruído que xeran de madrugada co dun helicóptero.
Andrés Corral, responsable da adega: "Co estancamento nocturno do aire, móveno toda a noite para que a xeada non se pouse nos gromos. É un proceso moi curto que só entrou en funcionamento tres días, e é a única garantía que temos para protexer a viña".
Os aparellos foron instalados na maior viña da provincia de Lugo, con case 200 hectáreas de terreo. Ante as queixas veciñais, os responsables da adega decidiron baixar as revolucións das hélices a 1.400 por minuto.
Andrés Corral, responsable da adega: "Nun principio viñan de fábrica cunhas 1.700 revolucións, e nas torres máis próximas ás vivendas baixámolas a 1.400. A ver se con iso conseguimos que non molesten tanto".
Pola súa parte, dende o Concello de Pantón valoran comprobar se o nivel do ruído excede o máximo permitido.