Queixas polas fochancas nas estradas de Outeiro de Rei
Queixas polas fochancas nas estradas de Outeiro de Rei
Veciños de varias parroquias denuncian danos nos coches debido ao mal estado do firme
As estradas que comunican varias parroquias de Outeiro de Rei levan tempo co pavimento en mal estado, segundo denuncian os usuarios. Entre as máis afectadas figuran Aspai, Candai, Francos, Seivane ou Vicinte, onde se abriron fochancas dunha fondura perigosa.
Os residentes na contorna quéixanse de que teñen que circular por estas pistas procurando esquivar os buratos que hai no firme. Do contrario, expóñense a provocar avarías nos vehículos, sobre todo nos amortecedores e nas rodas.
Os veciños mesmo chegaron a recoller sinaturas para reclamar o arranxo destas vías. Así e todo, as fochas seguen agrandándose sen que polo momento se solucione o problema.
Doutra banda, noutra parroquia deste concello lucense, en Martul, un carril leva semanas cortado ao tráfico debido á caída dun cable.