Redondela abre expediente de penalidades moi graves á concesionaria do servizo de atención no fogar
Redondela abre expediente de penalidades moi graves á concesionaria do servizo de atención no fogar
Usuarios e traballadores denuncian o mal funcionamento da empresa
A oposición reclama rescindirlles o contrato
Queixas de traballadores e usuarios do servizo de atención no fogar de Redondela, que atende unhas 180 persoas. Así o explica Manuela Puertas Bouzón, filla de dous usuarios do servizo: "Mandan auxiliares novas, sen instruílas e sen saber que facer. Moitas veces é peor porque nos deixan sen servizo".
Tamén as traballadoras do servizo denuncian carencias na organización e problemas no cobro das súas nóminas por parte da empresa concesionaria. "Todas as fins de semana quedan sen atender entre 20 e 25 persoas. Houbo un caso moi grave dunha señora en cadeira de rodas que quedou toda a noite sen cear, sen tomar a mediación, sen cambiarse, sentada durmindo nunha cadeira de rodas", relata Lucía Piñeiro, traballadora do servizo e delegada sindical da CUT. "Aquí hai centos de reclamacións", engade Carmen Vázquez Vila, traballadora do servizo e delegada sindical da CUT 43
O Concello abriulle un expediente á empresa Os Ventos por penalidades moi graves. A alcaldesa declinou facer declaracións e remite a un comunicado onde explican que non é posible facer unha rescisión do contrato pola vía de emerxencia, e facelo por incumprimento de contrato pode levar entre 4 e 5 meses.
O PP, dende a oposición, insiste en que hai alternativas legais. "Iniciaríase un expediente de resolución de contrato por vía de emerxencia e en paralelo iniciaríase o trámite de contratación do novo prego cunha empresa nova tamén por vía de emerxencia para acurtar os prazos e acabar con esta precariedade", insiste Javier Bas, presidente local do PP de Redondela.
A empresa Os Ventos rexeitou facer declaracións. As traballadoras do servizo convocaron unha concentración de protesta este mércores ás doce do mediodía diante da Casa do Concello de Redondela.