Queixas veciñais en Lugo polas molestias dunhas obras inacabadas
Queixas veciñais en Lugo polas molestias dunhas obras inacabadas
Levan case dous meses coa estrada levantada
Para evitar as fochancas e a lameira das obras teñen que invadir a vía
O estado que presenta a rúa Rof Codina de Lugo ten en pé de guerra os veciños.
"Temos aquí todo isto... sen palabras, isto hai que velo, isto é un inferno".
Todo deriva dun problema de fugas de agua. Primeiro quedaron sen subministración e agora sofren as consecuencias dos buracos que quedaron tras o arranxo. Hai garaxes que quedaron inaccesibles, afecta aos veciños e tamén aos usuarios tanto deste centro de maiores como desta escola infantil.
"Isto é un perigo para os nenos e a xente maior que vén por aquí".
"Isto é unha vergoña, pero seguiremos así moito tempo".
Veciños e transeúntes teñen que sortear numerosos obstáculos e acabar invadindo a vía para evitar os buracos e as zonas de obras e tamén as fochancas tapadas con terra que son agora toda unha lameira.
"Para pasar por aquí hai que ir polo medio da vía e veñen autobuses, furgonetas e demais. O Concello tiña que dar unha solución, somos veciños que pagamos impostos como os demais, e aquí téñennos abandonados de todo".
O problema é aínda maior para as persoas que teñen mobilidade reducida.
"Está intransitable, onde están os pivotes temos que saír á estrada por culpa do barro, eu mesma esvarei. No paso de peóns hai o mesmo perigo. Vén moita xente en cadeira de rodas e agora mesmo ou sae á vía ou non hai forma de poder pasar, co risco que iso implica", explica Nuria Neira, delegada de Auxilia Lugo.
Van case dous meses así e os veciños urxen un arranxo en condicións. Din que, se non se pode asfaltar por mor da chuvia, se lle dea cando menos unha solución provisional digna que non os poña en perigo a diario.