Publicador de contidos
Publicador de contidos

Queixas veciñais pola falta de sumidoiros nunha rúa de Culleredo

Queixas veciñais pola falta de sumidoiros nunha rúa de Culleredo

Cando hai temporal o barro do monte dificulta o acceso ás casas da rúa das Miguesas

O Concello comprometeuse a acondicionar a rúa nun paquete de arranxos da rede viaria

 

G24.gal 23/10/2023 14:22

Operarios do Concello rematan de limpar a area da rúa das Miguesas, en Culleredo. Despois do temporal, a José quedoulle taponada a entrada da casa por todo o barro que baixa do monte cando chove a cachón.

"Tiven que sacar a area, non se pode abrir o portal e non podo entrar na casa, é un problema cando chove".

"Xúntase auga que ven do monte e fai un rego que arrastra terra e area e 'enfanga' todo, mesmo é difícil acceder co coche", explican os veciños afectados.

Aseguran que levan anos pedindo infraestruturas para a súa rúa, sen asfalto nin arquetas que recollan a auga. Din que a solución está preto, xa que, a poucos pasos, a rúa Cillobre si conta con sumidoiros.

"Que lle boten xabre ou que asfalten a zona e que metan unha rede de pluviais ao sumidoiro da rúa principal, que está ao lado, a rúa Cillobre".

"Pedimos que nos metan un sumidoiro e unha limpeza ata o portal, como teñen o resto dos veciños. Prometer prometen, pero...", comentan os veciños.

Pola súa banda, o Concello de Culleredo confirmoulle á TVG que ten previsto actuar na rúa dentro dun paquete de arranxos da rede viaria. Será sometido a pleno a semana que vén. Os veciños agardan que así sexa, porque os temporais non fixeron máis que empezar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade