Queixos e viños, os produtos 'gourmet' máis demandados polos turistas
Queixos e viños, os produtos 'gourmet' máis demandados polos turistas
Nas tendas de Lugo, triunfan as galletas de nata, os queixos artesáns e mais o godello
Queixos como o de San Simón ou o do Cebreiro, viños como o godello, aceite de Quiroga, embutidos de porco celta e tamén doces, coma as galletas de nata ou de manteiga. Estes son algúns dos produtos máis demandados este verán polos turistas nas tendas 'gourmet' de Lugo.
O comprador foráneo teno claro á hora de probar algo cando visita este tipo de comercios na Cidade das Murallas. Busca produtos locais e de calidade, comezando polos afamados queixos e caldos das terras lucenses.
José Luís Coroas, comerciante: "Basicamente, buscan queixos artesáns de calidade que normalmente nas súas cidades non adoitan atopar ou que encontran con moita dificultade".
Pilar López, comerciante: "En canto a viños, todos os nosos, coma o albariño, o godello, o mencía ou o ribeiro. Pero sobre todo o godello".
Segundo os comerciantes, a maioría dos visitantes coñecen de antemán os produtos que buscan, aínda que outros os hai que asesorar. E tanto mercan para consumir no momento como para levar.
José Luís Coroas, comerciante: "Normalmente levan para consumir no tempo que están aquí. E logo cando marchan, cando se van de regreso aos seus sitios, veñen tamén para levar para eles e mais para agasallar".
Tocante ao volume de vendas e ao perfil do comprador, agosto foi o mellor mes, con clientes chegados de todo o ámbito estatal.