Quinto ataque do lobo nas últimas semanas en Barreiros, con catro ovellas mortas
Quinto ataque do lobo nas últimas semanas en Barreiros, con catro ovellas mortas
Os donos do gando, dous irmáns de Reinante, perderon xa preto de vinte animais
Catro ovellas mortas e unha malferida foi o balance do último ataque atribuído ao lobo na parroquia de Reinante, en Barreiros. Sucedeu nun terreo pechado entre as vivendas do lugar da Barranca. Unha das cadelas que coidaba os animais, de raza mastín, tamén quedou ferida.
Diego Vidal, dono das ovellas: "Adoita atacar de noite, e esta vez matou catro, aínda que só comeu unha. Outra máis quedou ferida, coa traquea furada, e case seguro que haberá que poñerlle unha inxección".
Este é xa o quinto ataque ao gando de dous irmáns que se dedican á cría de ovellas. No último mes e medio, sinalan que o lobo lles matou preto de vinte animais, cunhas perdas valoradas en miles de euros.
Diego Vidal, dono das ovellas: "O primeiro ataque foi na Rochela, onde matou tres. Logo matou outra máis e feriu a cadela. Despois, meu irmán tivo dous ataques seguidos en catro días, e noutros catro máis veu aquí".
Aos damnificados polos ataques quédanlles agora outras tantas ovellas. Para protexelas, precisarían máis cans, pero dificilmente lles compensaría o gasto no seu mantemento.