Verbena tradicional en Ramirás na honra do Rella, un gaiteiro dos de antes
Verbena tradicional en Ramirás na honra do Rella, un gaiteiro dos de antes
A asociación xuvenil Rebulir foi a encargada de organizar a festa, na que tamén hai xogos tradicionais
A verbena de Ramirás foxe das grandes orquestras. Aquí, a música sae das gaitas e dos tambores, e dos aturuxos das cantareiras. É unha verbena antiga, ao estilo tradicional.
"Díxome a muller: vai mirar o que hai alí e xa vés, pero vin que estaban bailando e xa quedei", comenta un veciño.
O colectivo Rebulir é o responsable da organización desta festa, herdeira dos fiadeiros, aliñada con porco ao espeto e concibida na honra do Rella, un gaiteiro dos de antes, moi coñecido aínda en toda a comarca malia falecer xa nos anos 90.
"Unha homenaxe tamén ás verbenas de antes, onde o protagonista é o baile, a música, non tanto espectáculo nin grandes artificios, senón volver á esencia, á tradición", explica Alexandre Sotelino, do colectivo organizador.
Tamén hai xogos para os máis pequenos. Os tradicionais, de xogar cara a cara, sen a mediación das pantallas.
E así, a medida que avanza a tarde, vaise animando a festa, que se alongará, coma toda verbena, mentres a música soe, ata que o corpo aguante.