Publicador de contidos
Publicador de contidos

Reabre o aeroporto de Peinador tras o peche polas obras na pista

Reabre o aeroporto de Peinador tras o peche polas obras na pista

Foi un avión da compañía Vueling procedente de Barcelona o primeiro que estreou a nova pista de Peinador

G24.gal 31/05/2024 08:56 Última actualización 31/05/2024 14:19

A primeira hora da mañá deste venres reabriu o aeoporto vigués de Peinador tras permanecer pechado 25 días polas obras que se acometeron na pista.

O primeiro voo que tiña que aterrar era un Boeing 738 de Air Europa que cobre a ruta Madrid-Vigo. Estaba previsto que o voo UX7308, que tiña que saír de Madrid ás 06:40 horas, tomase terra en Vigo ás 07:50, pero por un problema dun pasaxeiro non saíu atas ás 07:50 e aterrou en Vigo minutos antes das nove.

O protagonismo e os focos foron para outra aeronave, un Airbus 320 de Vueling procedente de Barcelona, que rodou pola pista de Peinador cara ás 08:06, con case 20 minutos de adianto. Antes de que chegase o de Air Europa fíxoo outro de Madrid, pero fretado por Iberia, que tamén adiantou a súa aterraxe, no seu caso 15 minutos.

Co atraso do primeiro voo do día, o mesmo que ía estrear os engalamentos desde a nova pista, foi de novo o de Vueling o primeiro en deixar o aeródromo vigués para cruzar a península no seu traxecto de volta cara a Barcelona, ás 09:13 horas, con 13 minutos de demora sobre o horario establecido inicialmente. Nesta primeira xornada tamén hai previstos voos que chegarán de Bilbao e Gran Canaria.

Esta semana realizáronse en Peinador tarefas de pintura, comprobacións eléctricas e calibracións de axuda á navegación. Despois de catro semanas do peche ao tráfico aéreo, Aena deu por finalizada a fase de rexeneración do asfalto de pista e a obra continuará noutras zonas do campo de voos que non afectan á operatividade do aeroporto. Os traballos foron adxudicados á UTE Padecasa, Infraestruturas Conelsan e Insae Infraestruturas por 23.622.000 euros netos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade