Recalan na Coruña máis de 6.000 turistas nunha tripla escala de cruceiros
Recalan na Coruña máis de 6.000 turistas nunha tripla escala de cruceiros
Uns viaxeiros quedan na cidade e outros desprázanse a Santiago
Tres cruceiros fixeron escala este martes na Coruña. Entre eles, chama a atención o Arvia, con capacidade para máis de 2.500 pasaxeiros e case 1.700 tripulantes. En total, recalaron na cidade cerca de 8.500 persoas entre pasaxe e tripulacións. Parte dos turistas, ingleses e alemáns, optan por excursións a Compostela. Outros quedan e visitan a cidade.
Pasean pola cidade. Visitan lugares emblemáticos como a praza de María Pita e aproveitan para degustar algúns dos produtos da nosa gastronomía. "Sobre todo piden polbo. Cando veñen aquí é sobre todo a comer polbo, porque as axencias de cruceiros xa moitas nos recomendan e xa saben ao que veñen", comenta Lázaro Jesús, camareiro da Pulpeira María Pita.
Xunto cos comercios, os locais de hostalería da zona próxima ao porto e á Cidade Vella son os que máis notan a afluencia dos cruceiristas.
"Hoxe ademais foron cruceiros grandes: un de 6.000 turistas, outro de 1.000 e outro de 200 persoas. Eu libraba e tiven que vir traballar e sei doutros compañeiros que tamén tiveron que vir axudar", explica Román Canosa, camareiro no bar The Breen's Tavern.
O empresario de hostalería Alberto Boquete, de La Mansion 1783, asegura: "Normalmente cando hai cruceiros nótase bastante a afluencia de turistas e ademais nótase o volume de traballo. Hoxe no noso local estabamos tres persoas e facía falta incluso unha cuarta persoa".
A Coruña repetirá tripla escala o vindeiro luns. Logo están programadas dúas escalas duplas. En total, serán vinte os cruceiros que recalarán na cidade este mes.