Publicador de contidos
Publicador de contidos

O cónsul filipino comprométese coa familia de Diego Bello a axilizar a detención dos policías que o asasinaron

O cónsul filipino comprométese coa familia de Diego Bello a axilizar a detención dos policías que o asasinaron

A nai do mozo coruñés reuniuse co cónsul filipino en España, que lle trasladou o compromiso do seu país por esclarecer o crime e atopar os policías acusados de matalo

G24.gal 20/09/2022 13:22

A nai de Diego Bello, o coruñés asasinado nas Filipinas hai dous anos e medio, reuniuse este martes en Madrid co cónsul filipino en España. Ás portas da embaixada dese país, un grupo de familiares e amigos de Diego concentráronse para reclamar xustiza, acompañados de varios representantes políticos.

O encontro entre Eric Valenzuela e a familia de Diego Bello serviu para comprobar que Filipinas aínda non se tomou en serio o cumprimento da orde de detención dos tres policías acusados de dar morte ao coruñés, orde xudicial ditada o pasado 25 de marzo e até agora non levada a cabo.

"Non imos quedar cos brazos cruzados nunca xamais"

Os pais de Diego Bello insisten en que os policías acusados da morte do seu fillo, sobre os que pesa unha orde de prisión desde marzo, non están en paradoiro descoñecido.

Eles insisten en que están plenamente localizables. "Non se cre ninguén que a policía non atope os responsables. Non imos quedar cos brazos cruzados nunca xamais", advertiu a nai. 

Os policías seguen activos en redes sociais e un deles chegou mesmo a contactar coa xustiza filipina para tratar de chegar a un acordo, pero nin así a policía foi capaz de localizalos.

O cónsul filipino en España prometeu intensificar a presión do seu goberno neste caso e pediu á familia un tempo para resolver o asunto.

A familia pola súa banda trasladoulle ao cónsul a súa intención de seguir denunciando o entorpecemento á xustiza que están levando a cabo os mandos policiais filipinos, facilitando a fuxida dos tres policías prófugos e en rebeldía.

Apoio de todas as formacións políticas

Na concentración ás portas da embaixada filipina estiveron a alcaldesa socialista da Coruña, Inés Rey, o vicesecretario de Organización do PP, Miguel Tellado, o senador popular Miguel Lorenzo, e o deputados do BNG Néstor Rego. "A resposta foi positiva: que van poñer todos os medios para que isto se esclareza canto antes", dixo Pilar Lafuente tras saír da embaixada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade