Recomendan cubertas vexetais para aforrar en calefacción
Recomendan cubertas vexetais para aforrar en calefacción
Teñen unha vida útil de ata dez anos e escaso mantemento
Utilízanse especies moi resistentes aos cambios de tempo
Unha fina capa de material illante, terra e plantas de crecemento reducido. É todo o que se precisa para dotar os tellados e paredes dunha cuberta vexetal. Esa capa verde axuda a manter as temperaturas no interior de vivendas e lugares de traballo, de xeito que se poden aforrar moitas horas de calefacción.
As especies de plantas que se empregan son moi resistentes aos cambios de tempo tan habituais en Galicia e precisan de moi escaso mantemento. E é que do que se trata é de ter un elemento illante e non un xardín no tellado e as paredes. Ademais, tamén illan do ruído, atrapan elementos contaminantes e serven para manter a biodiversidade en espazos urbanos.
Milleiros de anos despois da creación das pallozas, a vexetación volve ser en Galicia un elemento clave para revestir as vivendas e manter quentes os fogares.