Publicador de contidos
Publicador de contidos

Recoñecen que repartían a droga en patinete durante a pandemia

Recoñecen que repartían a droga en patinete durante a pandemia

Seis acusados recoñeceron este luns, na Audiencia Provincial de Ourense, que vendían droga durante a pandemia

Chegaron a un acordo coa Fiscalía polo que lles rebaixan as penas

G24.gal 10/06/2024 13:22

Un a un, seis acusados por tráfico de drogas durante a pandemia recoñeceron os feitos na Audiencia Provincial de Ourense. Chegaron a un acordo coa Fiscalía polo que lles rebaixaron as penas, de case 50 anos que sumaban inicialmente, oito cada un, a pouco máis de vinte en total. Un dos atenuantes é o consumo de drogas.

Elena Domínguez Taberna, avogada dun dos acusados: "Implica un recoñecemento dos feitos e tamén, por parte da Fiscalía, que os feitos se cometeron condicionados pola adicción ás drogas".

Os feitos remóntanse a 2020. En febreiro, a Policía Nacional iniciou a vixilancia. Foron testemuñas da venda de drogas, cocaína e haxix, desde varias vivendas dos acusados. Para facer as entregas por distintos puntos da cidade, en pleno estado de alarma, empregaban un patinete, e ás veces tamén se desprazaban en taxi e en coche particular. Así ata xuño, cando os axentes fixeron os rexistros domiciliarios en que se incautaron de droga valorada en máis de 150.000 euros. A cantidade de droga incautada en cada caso determina as penas finais para os acusados. Algúns, mesmo se libran de ir ao cárcere.

Luis Salgado Carbajales, avogado dun dos acusados: "Ao ser a pena inferior a cinco anos, pódese suspender a execución se continúan en tratamento médico de desintoxicación".

Tres deles asumen a pena de cinco anos de cadea. Para o resto, de dous a tres anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade