Recta final da campaña das primarias para o PSdeG-PSOE
Recta final da campaña das primarias para o PSdeG-PSOE
Os dous candidatos apuran estas últimas horas para pedir o apoio da militancia
10.200 socialistas galegos están chamados a votar mañá
Son horas decisivas en que os aspirantes xogan as súas cartas para sumar mais apoios. A última disputa xorde tras o anuncio do candidato á reelección, Gonzalo Caballero, do acordo co alcalde de Vigo para crear unha lista de unidade para o congreso do partido.
Gonzalo Caballero, candidato á reelección como secretario xeral do PSdeG, defendeu o seu proxecto, "feito de abaixo para arriba" e con "capacidade de integrar, de chegar a acordos". "Estou moi satisfeito do acordo acadado onte co alcalde de Vigo", sinalou.
O seu rival, Valentín González Formoso, cuestionou ese pacto: "Eu o que sei é que o compañeiro Abel Caballero leva acreditada a súa neutralidade neste proceso en público e en privado. É un compañeiro máis que eu respecto", asegurou.
A participación será clave nas primarias do PSdeG. E os dous candidatos sábeno, por iso aproveitan esta recta final da campaña para facer unha chamada á mobilización da militancia. 10.200 socialistas poden votar no proceso.
Valentín González Formoso defende que hai que deixar que a voz da militancia se exprese con "total liberdade e normalidade e gozando do proceso de primarias".
Gonzalo Caballero pediu unha participación masiva aos militantes para facer avanzar o PSdeG, "para non retroceder e para construír o futuro".
Caballero pechará a campaña en Vigo, Valentín González Formoso farao en Santiago, onde todo apunta que recibirá o apoio do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, que se sumaría aos apoios dos rexedores de Lugo, Ferrol e A Coruña.