Reforzo da vixilancia policial en Santiago
Reforzo da vixilancia policial en Santiago
España está no nivel 4 sobre 5 de alerta terrorista
"A presenza da Policía Nacional a estas alturas do ano non é habitual porque, evidentemente, a presión turística estamos entrando na temporada baixa, pero dados os niveis de seguridade decretados polas distintas circunstancias mundiais que todos coñecemos pois aconsellan a súa presenza e agradecémola", comenta Xan Duro, concelleiro de Seguridade de Santiago de Compostela.
España está no nivel 4 sobre 5 de alerta antiterrorista. Estase a reforzar a seguridade sobre determinados puntos sensibles, e Santiago é un deles. É por iso que continuamos vendo a unidades de Intervención Policial custodiando a praza do Obradoiro cando xa diminuíu notablemente o número de visitantes.
"Nós evidentemente asumimos que somos a capital de Galicia, que somos unha cidade referencia no cultural, referencia no relixioso, sede administrativa e sede sanitaria e sede educativa cunha universidade coma a de Santiago, e iso acarrexa este tipo de situacións", afirma Xan Duro, concelleiro de Seguridade de Santiago de Compostela.
Dous grupos da Unidade de Intervención Policial desprázanse a diario a Santiago procedentes de Vigo ou da Coruña. O Sindicato Unificado de Policía reclama a presenza permanente de antidisturbios en Santiago.
"Nós pois vimos reivindicando que se eleve o grao da comisaría de Santiago para que haxa unha unidade de intervención policial de forma permanente na propia cidade", asegura Roberto González. secretario xeral do Sindicato Unificado de Policía.
Ademais da blindaxe da contorna da catedral tamén se están realizando controis antiterroristas nos principais accesos á cidade.