Refuxiados en Galicia: entre a ledicia de estar a salvo e a saudade dos que non están
Refuxiados en Galicia: entre a ledicia de estar a salvo e a saudade dos que non están
2.774 refuxiados ucraínos viven nestes momentos en Galicia
Multitudinarias as concentracións deste venres na Coruña e Vigo contra a guerra de Ucraína, sumándose a numerosas vilas e cidades galegas que conmemoraron pola mañá o aniversario da invasión rusa.
Entre os participantes, a emoción rebordou entre os centos de refuxiados ucranianos que lembraron os que non están e aínda ven lonxe o final do conflito.
Foron só parte dos 2774 refuxiados ucraínos viven nestes momentos en Galicia. Ao chegar, cun novo idioma e unha nova vida, algúns tiveron ao seu carón compatriotas que levan anos aquí, e puideron compartir saudades e preocupacións e enlazar amizades. Como pasou con Irina e Aleksandra en Santiago.
Irina Kuz, 32 anos, dentista cunha bolsa Erasmus Plus vive na residencia de estudantes do Burgo, en Santiago, encontrou un cachiño de Ucraína no bar que rexenta unha compatriota, co mesmo idioma e preocupación.
"Son sentimentos mesturados. Estamos moi contentos de estar aquí seguros, a salvo, con vida. Pero tamén hai unha mágoa constante, botamos de menos a nosa casa", cóntanos emocionada Irina no Big Bar Theory de Santiago.
Está contenta por estar a salvo pero, di, a tristura é permanente. Todas as mañás recibe unha mensaxe dos que deixou: estamos vivos.
Fuxiu da cidade de Poltava co seu fillo Nazar de 8 anos, o seu motor vital neste ano, sobre todo, di, desde que se integrou coa escola, amigos, campamentos e praia.
"Ao principio Nazar botaba moito de menos Ucraína e quería volver á casa, cos seus amigos. Pero en agosto, tras un campamento de verán, xa lle encantaba estar aquí, gustáballe Galicia e España. Para min, como nai, foi un alivio despois de velo chorar, mal e triste", di mentres esboza un sorriso.
Ao principio, cóntanos, Nazar quería volver pero desde agosto xa quere quedar aquí a vivir.
"E cando remate esta guerra, que imos gañar nós, que se veñan todos, meu pais, miña avoa, tíos e curmás", explica o cativo.
Como Irina, centos de refuxiados pasaron nalgún momento do ano polo bar de Aleksandra Kaverina, como nos conta ela mesma.
"Uns necesitaban axuda, falar, tomar unha cervexa sen dicir nada...-emociónase- esas foron... as que non din nada son as peores... porque a xente que non conta é que mirou cousas que non debeu... Non vivín os bombardeos, pero tendo aló familia, patria, o lugar onde naciches... acabas roto".
Refuxiados e residentes ucranianos conviven coa incerteza do futuro neste aniversario. Teñen claro que, como lles ensinou esta guerra, planear é imposible.
E comparten o mesmo desexo: a paz.