REGANOSA-ENAGAS, por Venancio Salcines
REGANOSA-ENAGAS, por Venancio Salcines
Métenos de golpe na estratexia europea do hidróxeno verde, o cal permitirá acadalo a menor custo e algo mais importante, xerar unha industria ao redor desta nova enerxía
Un bo matrimonio de conveniencia
O goberno anunciou, hai uns días, a estratexia de hidróxeno verde de España. Falou coma se fose algo dirixido e deseñado polos ministerios do Estado español. Nada que ver. O goberno adoptou e deu por boa a estratexia de ENAGAS, a antiga compañía pública e líder absoluto do mercado gasístico español. Pero, coma se fose a historia de Asterix e Xulio César, esqueceuse dunha pequena aldea gala chamada Galicia.
Hai un tempo, Roberto Tojeiro, pai do actual líder de GADISA, levantou, contra vento e marea, REGANOSA, unha regasificadora que xerou mil alarmas e co tempo só demostrou a visión estratéxica e profética do líder dun imperio que hoxe, con tanto acerto, dirixe o seu fillo.
O acceso aos corredores europeos do hidróxeno era fundamental para Galicia por varias razóns: a primeira, que tiñamos convicción e capacidade para ser xogador; a segunda, que os nosos portos estaban chamados a ser hubs enerxéticos da industria naval. A pesar destas razóns, todo parecía indicar que ENAGAS ía ao seu e que o seu non era Galicia. Dificil de entender, pero iso era o que demostraban os papeis oficiais.
O acordo de ENAGAS con REGANOSA tranquiliza, e bastante. A monopolística española quererá sacar rendibilidade ao seu investimento, e iso só se conseguirá metendo hidróxeno polo corredor verde de REGANOSA, agora de ENAGAS. A maiores, a nosa gasística entra na nova planta de Xixón, o que lle permite poder ser socio estable de ENAGAS. Dalgún modo, pódese dicir que a moza de provincias casou co cabaleiro de Madrid e que agora, da súa man, poderá acceder aos grandes bailes das cortes europeas.
A noticia, guste máis ou menos, sempre é positiva: para os accionistas de REGANOSA parece evidente e para a sociedade galega moito máis, xa que nos mete de golpe na estratexia europea do hidróxeno verde, o que permitirá acadalo a menor custo, e algo mais importante, xerar unha industria ao redor desta nova enerxía.