Reganosa, Repsol e Naturgy colaboran para transformar os excedentes de xurros en Meirama
Reganosa, Repsol e Naturgy colaboran para transformar os excedentes de xurros en Meirama
A planta principal instalaríase en Meirama
Cun investimento aproximado de 146 millóns de euros, na primeira fase trataríanse anualmente 1.240.000 toneladas de xurro
Ademais de fertilizantes orgánicos e CO2 neutro, produciríanse uns 300 xigawatts hora (GWh) de biometano, que serían inxectados na rede de gas natural
Reganosa, Repsol e Naturgy colaboran con Impulsa Galicia para desenvolver a economía circular cun proxecto que transformaría a gran escala os excedentes de xurro e outros residuos en biometano, fertilizantes orgánicos e CO2 neutro de orixe biolóxica.
En total hai proxectada unha rede de seis plantas en varios puntos de Galicia. Estas plantas serán as encargadas de transformar os excedentes de xurros e residuos das granxas en enerxía renovable e poderían crear uns 600 empregos, repartidos entre as plantas proxectadas en Meirama e outros concellos da Coruña e Lugo.
O proxecto busca que Galicia poida aforrar o 7 % do que se importa en gas. Os impulsores, Repsol, Naturgy e Reganosa, aspiran a contar con fondos europeos para poñelo en marcha. Xa llo presentaron ao Goberno central e agora agardan resposta.
Esta iniciativa foi concibida para optimizar a xestión dos xurros na comunidade autónoma, reducir a dependencia da enerxía estranxeira, facilitar o cumprimento das novas normas europeas e axudar a descarbonizar a industria, as vivendas e a mobilidade, informa un comunicado.
Os promotores están a realizar nestes momentos traballos de campo e ensaios que continúan meses de estudos e investigacións anteriores.
O proxecto consiste en implantar progresivamente por todo o territorio unha rede de plantas que valorizan os excedentes de esterco bovino, porcino e avícola mesturados cunha menor cantidade de FORS (fracción orgánica recollida selectiva) e RIO (residuos orgánicos industriais) do sector agroalimentario para a produción de enerxías renovables.
Así o reflicte o memorando que Reganosa, Repsol e Naturgy asinaron recentemente con Impulsa, a empresa mixta impulsada pola Xunta co obxectivo de acompañar iniciativas empresariais que incidan na dinamización, progreso e transformación da economía galega a través de a través dun modelo verde e dixital.
Nunha fase inicial, as tres empresas enerxéticas prevén construír unha primeira planta de dixestión anaeróbica que produza gas renovable e cinco plantas de pretratamento asociadas para deshidratar os excedentes de esterco bovino.
A planta de xeración de gas renovable situaríase en Meirama (Cerceda-A Coruña), zona de transición xusta, mentres que as cinco plantas de pretratamento estarían distribuídas, nunha primeira fase, por concellos da mesma provincia da Coruña e Lugo. de segundo unha distribución baseada no mapa galego de explotacións gandeiras, optimizando así a loxística entre ambos tipos de instalacións.
Cun investimento aproximado de 146 millóns de euros, nesta primeira fase trataríanse anualmente 1.240.000 toneladas de esterco excedente e, ademais de fertilizantes orgánicos e CO2 neutro, produciríanse uns 300 xigawatts hora (GWh) de biometano, que serían inxectado na rede de gas natural.
Este gas renovable serviría para descarbonizar distintos sectores, como o transporte, o residencial e o industrial, e podería ser utilizado nos procesos da refinería de Repsol na Coruña, indica a nota.