Reganosa vende a Enagás os seus gasodutos e merca o 25 % da regasificadora de Xixón
Reganosa vende a Enagás os seus gasodutos e merca o 25 % da regasificadora de Xixón
A operación suporá que Enagás encabece o proxecto de hidroduto entre Guitiriz e Zamora
A empresa galega Reganosa vende a súa rede de 130 quilómetros de gasodutos a Enagás por un importe de 54 millóns de euros. Esta operación vai supoñer que Enagás asuma a posición de promotor do hidroduto entre Guitiriz e Zamora, segundo comunicou este martes á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).
Este acordo, cualificado como "histórico" polas partes, inclúe ademais a compra por parte de Reganosa dun 25 % da planta de regasificación do Musel, en Xixón, por 95 millóns de euros.
Aseguran as empresas implicadas no acordo que a operación reforza o sistema gasista español e permite aproveitar as sinerxías entre ambas as para contribuír á seguridade de subministración.
Así, Enagás faise co total da rede de transporte que ata o de agora era propiedade de Reganosa, que consta de 130 quilómetros de gasodutos de 80 bares de presión e está incluída dentro da Rede Troncal, sendo clave para garantir o correcto funcionamento do mercado ibérico do gas.
En concreto, conecta coa terminal de gas natural licuado (GNL) de Mugardos, e co gasoduto Tui-Llanera en Guitiriz e Abegondo; conta con tres estaciones de medición, tres estaciones de regulación e medida, e trece posicións de válvulas.
A rede de transporte fai chegar o gas natural directamente ás centrais de ciclo combinado das Pontes e Sabón, á refinería da Coruña (120.000 barrís/día), e ás poboacións das Pontes e Cerceda.
Ademais, Reganosa cede a Enagás a súa posición como promotor do hidroduto entre Guitiriz e Zamora. Ese hidroduto é candidato a recibir o estatuto de proxecto de interese común da Unión Europea.
A cambio, Enagás comprométese a impulsar esta infraestrutura de transporte e a súa conexión á interconexión con Portugal, garantindo a total integración da produción de hidróxeno renovable na zona cos corredores futuros deste vector na Península Ibérica, co obxectivo de que entre en operación en 2030.
Nunha nota de prensa, Enagás explica que este pacto favorece a creación dun gran hub enerxético no noroeste peninsular que reforza á súa vez o papel de España no hidróxeno renovable de Europa.
Desembarco de Reganosa no Musel de Xixón
Pola súa banda, Reganosa entra cun 25 % no accionariado da planta do Musel, que ata o de agora era propiedade unicamente de Enagás.
A infraestrutura conta cunha capacidade de almacenamento de 300.000 metros cúbicos de GNL, repartida en dous tanques de 150.000 m3 cada un, e cunhas instalacións de atracada e descarga deseñados para os buques metaneiros máis grandes de mundo, os QMAX.
A planta do Musel, segundo o contemplado no Plan + Seguridade Enerxética do Goberno, está preparada para a súa posta en marcha para uso loxístico proximamente, en canto finalicen os trámites administrativos en curso.
A Xunta apoia acordo se garante investimento en Galicia
A Xunta considera unha "noticia positiva" e dunha "enorme importancia" para o sector enerxético tanto en Galicia como en España o acordo entre Reganosa e Enagás, ao que deu o seu visto e prace vinculado ao compromiso desta empresa de garantir investimentos no país.
O Goberno galego, que é accionista de Reganosa, destaca que con esta operación o capital galego entra no accionariado da regasificadora do porto do Musel, en Asturias, a cambio dun investimento que inclúe os gasodutos que ata o de agora tiña Reganosa.
Ademais, sinala que segue considerando estratéxico o hidroducto Guitiriz-Zamora, que é "unha peza fundamental para a industria galega" xa que permite conectar a comunidade co resto de España e con Europa.