Regresará a Nigrán o mosaico romano de Panxón tras pasar 20 anos "perdido" despois dunha poxa
Regresará a Nigrán o mosaico romano de Panxón tras pasar 20 anos "perdido" despois dunha poxa
Foi descuberto en Nova York nun anticuario
O Concello de Nigrán e a Asociación para a Repatriación do Mosaico de Nigrán recadaron os 58.000 euros necesarios para completar a operación
Xa está próximo o regreso á casa do mosaico romano de Panxón. No que parece unha historia de película, a casualidade e o empeño dun grupo de persoas por traer de regreso a peza vai culminar con éxito.
A peza está na actualidade en Nova York, nun anticuario. Alí deu con ela por casualidade Gonzalo Fernández Turégano, vicepresidente da Asociación para a Repatriación do Mosaico de Panxón, e coleccionista de obras de arte. O seu empeño foi crucial.
Cos responsables da galería chegou ao acordo, ante a importancia "do tesouro que posuían", de reservarlles a peza ata o 28 de outubro de 2022. Terían que desembolsar por ela para recuperala 58.000 euros.
Fernández-Turégano comezou unha campaña de micromecenado que logrou reunir 18.000 euros. O concello de Nigrán aprobou unha partida de 40.000 euros para traer o mosaico á casa.
Agora só queda a sinatura dos papeis de xeito oficial para que a operación frutifique, pero o tempo aprema, xa que en menos de dous meses deben de ter todos os cartos para repatriar a obra de arte.
O mosaico
O mosaico de Panxón descubriuno no século XIX a familia Puga. A peza estaba no castro de Panxón e o seu valor histórico é incalculable. A peza data do século III, e é a única representación do xénero musivario mariño en toda a área metropolitana de Vigo.
O achado indicaría que nesa zona puido existir unha vila romana. No mosaico aparece un peixe canda ameixas, o que fai crer que a obra orixinal podería ser aínda máis grande do que se conserva na actualidade. "O que se conserva é menor a un metro cadrado e o mosaico podería ser duns 100 metros", indica Gonzalo.
A familia Puga vendeuna a un coleccionista. Os seus herdeiros conservárona ata o ano 2000, ano en que o venderon nunha poxa en Madrid. Desde aquela perdéuselle a pista a nada se soubo dela, despois de que un cidadán dinamarqués a vendera.
Ata que en 2019 o coleccionista Gonzalo Fernández-Turégano, que desde pequeno sentía atracción polo mosaico -que descubriu no libro "Vigo na súa historia"-, deu con el. Tras verificar a súa autenticidade impulsou a asociación para poder recuperalo e para lograr o financiamento preciso para que volvese ao lugar orixinal.
A idea agora é que a peza sexa exposta ao público na Biblioteca Pública de Nigrán.