Publicador de contidos
Publicador de contidos

A conselleira valenciana responsable de Emerxencias descoñecía que existía un sistema de alertas a móbiles

A conselleira valenciana responsable de Emerxencias descoñecía que existía un sistema de alertas a móbiles

A titular de Interior explicou posteriormente que "por suposto" coñecía o sistema pero que non estaba aínda reglado e que un técnico foi o que instou a usalo

As administracións ofrecen un relato contraposto do fatídico 29 de outubro

O presidente Mazón incorporouse á xuntanza do centro de coordinación dúas horas despois por estar "nun xantar de traballo", aínda que asegura que estaba informado de todo

Limpeza en Paiporta (EFE)
G24.gal 07/11/2024 21:32 Última actualización 07/11/2024 22:46

Nove días despois da DINA, as administracións ofrecen un relato contraposto sobre as horas previas ao temporal co foco posto nas alertas, o control do leito dos ríos, as chamadas do Goberno ou a presenza do presidente autonómico Carlos Mazón no centro de coordinación. 

Sobre a xestión pesa a pregunta de por que a alerta aos móbiles dos cidadáns de Valencia chegou ás 20:12 horas do martes 29 de outubro, cando había xa localidades arrasadas. 

E a polémica saltou cando a conselleira de Xustiza Salomé Pradas, con competencias en materia de Emerxencias, explicou que foi un técnico o que informou, esa mesma tarde do 29 de outubro, da existencia do sistema de aviso á poboación Es-Alert.

A xornada tivo varios momentos clave sobre os que circulan distintas versións.

07:31 horas: aviso vermello da AEMET 

Ás 07:31 a Axencia Estatal de Meteoroloxía eleva a vermello o aviso pola gota fría e alerta dun perigo extremo. Nas súas redes sociais pide non facer desprazamentos e afastarse de leitos e zonas baixas inundables.

09:30 horas: reunión da delegada do Goberno con alcaldes 

A delegada do Goberno na Comunidade Valenciana Pilar Bernabé anula a súa axenda e mantén unha reunión telemática con alcaldes na zona de risco. 

12:00 horas: aviso da Confederación Hidrográfica do Xúquer 

Ao mediodía a Confederación Hidrográfica do Xúquer poñía a alerta sobre os leitos dos ríos e barrancos, como destacou este xoves na televisión autonómica valenciana À Punt a ministra de Ciencia, Innovación e Universidades e secretaria xeral do PSPV-PSOE Diana Morant facéndose eco dunha información da SER.

Chamadas da delegada do Goberno á conselleira de Interior 

A delegada do Goberno chamou en tres ocasiones á consellera de Xustiza e Interior da Generalitat Valenciana Salomé Pradas, como adiantou a SER e admitiron fontes da Consellería. Os relatos sobre o que se tratou difiren. 

- Chamada ás 12:23

Segundo a versión que fai súa o Executivo, a delegada ofrece medios e di que a Unidade Militar de Emerxencias (UME) está preparada. Segundo a Consellería, a delegada "non expón nada específico nin nada referido á UME".

- Chamada ás 12:48

Ambas seguen tratando a situación. Segundo a Consellería, Pradas traslada a súa preocupación por Carlet, a onde acudiu despois. O outro relato sinala que a delegada advirte da situación e ofrece medios. 

- Chamada pasadas as 14:00 

Nunha chamada pasadas as 14:00 a consellera si que pide activar a UME en Utiel. Así o confirma a Consellería, que indica que cursa esta petición alertada polo alcalde desa localidade.

O Goberno de Mazón sostén que a Confederación Hidrográfica non informara dos leitos do Magre ao seu paso por Utiel-Requena. As chamadas "non foron atendidas adecuadamente", denunciou pola súa banda a ministra de Ciencia. 

A delegada do Goberno avogou por pospoñer esta discusión porque a prioridade agora é abordar a emerxencia e o contrario sería "fallarlle á cidadanía". 

15:00 horas: a alerta pasa do nivel 1 ao nivel 2 

Ás 15:00 horas, a Generalitat sobe a alerta ao nivel 2, ante o agravamento da situación en Utiel. Solicítase formalmente a despregadura da UME. Convócase os equipos no Centro de Coordinación Operativo Integrado, o CECOPI. 

17:00 horas: arrinca a reunión do CECOPI 

Ás 17:00 horas iníciase a reunión, pero, segundo varios medios, Mazón non se incorpora ata pasadas dúas horas, ás 19:00. O presidente da Generalitat asegurou que estivo "comunicado todo o tempo persoalmente con todo o que ocorría". Ademais, sostivo que estaba nun xantar de traballo e non nuns aniversarios, como apuntaran algunhas informacións. 

Ao encontro non acoden presencialmente nin a delegada do Goberno nin os representantes da Confederación Hidrográfica do Xúquer, segundo a consellera valenciana de Interior. 

En declaracións a Á Punt, Pradas denunciou que ata pasadas as 19:00 horas a CHX non comunicou verbalmente a situación da Rambla del Poyo, que se comunicaba co CECOPI por correo electrónico e que recibiron o aviso de que o Magre e o barranco do Poyo ían rebordar cando xa estaba a ocorrer.

20:00 horas: chamada do secretario de Estado de Medio Ambiente

Ás 20:00, segundo ambas as partes, o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, chama á conselleira. Fontes do Ministerio de Transición Ecolóxica (MITECO) indican que se ofreceu axuda ante a gravidade da situación. A conselleira sostivo que o secretario de Estado lle dixo nesa chamada que non podía asegurar que non rompese o encoro de Forata.

20:12 horas: alerta aos móbiles  

É daquela, ao advertir do perigo que corre a presa, cando segundo a conselleira, un técnico informa de que existe un mecanismo que se denomina Es-Alert, o sistema que envía mensaxes masivas aos móbiles da cidadanía. O sistema Es-Alert aprobouse na Comunidade Valenciana o 27 de outubro de 2022. 

A alerta chega aos dispositivos ás 20:12, cando os ríos xa rebordaban e asolagan localidades como Paiporta, Catarroja, Sedaví, Picanya, Massanassa, Benetússer ou Algemesí.

Pradas afirmou na tarde deste xoves que "por suposto" coñecía a existencia do sistema de envío masivo de alertas e defendeu que este foi activado "unha vez analizada e estudada cada situación polos técnicos, e seguindo os seus informes, explicacións, recomendacións, protocolos e indicacións técnicas".

Pradas, a través dunha mensaxe na rede social X, publicou as súas declaracións completas, nas que afirma que, despois de que o secretario de Estado de Transición Ecolóxica lle traslada que non lle pode asegurar que non rompa a presa de Forata: "Un técnico infórmanos que existe un mecanismo que se denomina Es-Alert, que non está por agora regrado, que non está nos nosos plans autonómicos, que é aínda un borrador que está no Comité Nacional de Protección Civil por aprobar. É cando nos dan esas informacións, as únicas verbais en canto á presa de Forata, cando decidimos activar Es-Alert, unha decisión unánime do CECOPI", recalcou.

A consellera asegurou: "Cada paso que deu a Generalitat foi conforme aos informes, á información que tiñamos da AEMET e da Confederación Hidrográfica do Xúquer. Se non tiñamos a información, non podiamos actuar". 

"Se rompía a presa, a inundación, que xa foi catastrófica, sería apocalíptica. E nese momento é cando un técnico, non un político, porque ningún político toma decisións sen que un técnico o propoña, envía o Es-Alert", aseverou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade