Remata a tempada para a maioría de furanchos
Remata a tempada para a maioría de furanchos
A maioría teñen que pechar o 1 de xullo
Só nalgunhas excepcións permíteselles continuar outro mes abertos
A maioría dos furanchos terán que pechar as súas portas o vindeiro 1 de xullo, así que esta será a última fin de semana para gozar dos viños e as tapas destes establecementos tradicionais e populares sobre todo nas provincias de Pontevedra e A Coruña. Hainos que pecharon antes porque xa acabaron cos excedentes de viño.
Cada vez contan con máis clientes. Rubén Bouzón Lago, do furancho Zapateira de Mos, explica que "os sábados e os venres é cando máis cheo está. Non temos mesas nin cadeiras para sentar a xente. Nós pechamos mañá. Só se permite abrir ata finais de xuño."
O obxectivo é acabar co excedente de viño das adegas das casas. Este ano moitos quedaron xa sen existencias e pecharon hai semanas. Bouzón conta que "a temporada foi moi ben, moi ben. Moita xente nova que non coñecíamos de nada, e iso que tiñamos pouco viño este ano que foi un ano un pouco malo e só abrimos os últimos dous meses da temporada".
Outros furanchos, dependendo do concello, aínda poderán continuar abertos o mes de xullo, cumprindo condicións especiais, como a de ter todas as mesas en exterior.