Publicador de contidos
Publicador de contidos

Remata agosto, pero as festas seguen en setembro

Remata agosto, pero as festas seguen en setembro

Celebracións gastronómicas, feiras ou verbenas

Un dos pratos fortes está en Pontevedra, coa Feira Franca

G24.gal 01/09/2023 16:10

Desde este venres Pontevedra sobe á maquina do tempo e viaxa ata o século XV. Artesáns, xograres, cabaleiros e damas toman as rúas da zona vella, unha das festas históricas máis importantes da nosa comunidade, con centos de actividades para todos os gustos e idades, desde o tiro con arco ata os torneos ou o mercado medieval.  

Seguindo a marca da Feira Franca tamén viaxa no tempo a vila de Negreira, coa súa Feira do Románico. Haberá como en Pontevedra torneo medieval, danzas da época e postos de artesanía.

Festas gastronómicas

Metidos de cheo na gastronomía hai que destacar tres festas de exaltación de produtos. En Neda, a do pan. Protagonistas: as empanadas, con concurso incluído e o pan con obradoiros para todas as idades. A música, fundamental. Na noite de bolos actuará Tandub e Lamatumbá e o domingo pecharanse as celebracións cun concerto de De Vacas.

Na illa da Arousa temos a Festa do Polbo. Ducias de postos que ofrecerán este produto en diferentes elaboracións, ao longo do paseo marítimo do Xufre. A especialidade estrela, o polbo á ría, que consiste en combinalo con cebola e pemento picante.

E as filloas son as protagonistas da festa que se celebra en Valongo. Haberá un concurso entre os participantes e por suposto moita música.

 Festiletras en Ponteceso

Cambiando de estilo de festexo, na aldea do Couso en Ponteceso, durante tres días, exaltan e reivindican a nosa cultura. Unha posta en valor da escrita coa participación de recoñecidos autores combinada cunha parte máis lúdica, con representacións teatrais, concertos de música, pasacalles e contacontos. Pecha a festa o domingo Xabier Díaz.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar