Remata un Arde Lucus con milleiros de visitantes e máis de 400 actividades
Remata un Arde Lucus con milleiros de visitantes e máis de 400 actividades
Tanxugueiras pechou unhas festas que recuperaron o poder de convocatoria anterior á pandemia
Durante catro días as rúas de Lugo regresaron ás súas orixes para rememorar a historia da cidade
Cun concerto na praza de Santa María, Tanxugueiras puxo o broche final á vixésimo primeira edición do Arde Lucus, unhas festas que se celebraron sen restricións, por primeira vez en tres anos, mantendo todo o seu poder de convocatoria.
De novo milleiros de persoas, caracterizadas de castrexas e romanas, encheron as rúas dunha cidade que correspondeu ofrecendo once campamentos diferentes e máis de 400 actividades para que houbese algo ao gusto de todos.
O domingo celebráronse bautizos celtas para lle dar a benvida á comunidade ao público infantil que quixo participar. Tamén houbo teatro na capela do Carme, cunha obra explicando a historia da cidade de Lugo; e tamén unha constante animación polas rúas.
En moitas zonas ofrecíanse actividades que mergullaban residentes e visitantes na invasión romana. Pero se cadra, a cerna de todo o Arde Lucus foi o parque Rosalía de Castro, onde se viviu unha recreación moi completa da vida dos castros, coa exhibición de oficios e costumes da época.
O reto difícil de cumprir é mellorar estas festas para o ano que vén, mentres segue a loita por conseguir que sexa declarada festa de interese turístico internacional.