Remataron dúas semanas de literatura en común na residencia da Cidade da Cultura
Remataron dúas semanas de literatura en común na residencia da Cidade da Cultura
Dez autores e autoras participaron con obras inéditas nas que están a traballar
A Residencia Literaria Cidade da Cultura cumpriu a súa cuarta edición
"Good luck with your novels, Así se despediu de min o último home que admitira no meu corpo".
Son as primeiras liñas dunha novela que se vai titular Canícula, unha mistura de autoficción e ensaio que recrea os momentos álxidos dun verán. Será a primeira novela de Lucía Cernadas, unha das participantes na residencia literaria do Gaiás.
"Todo o mundo le os proxectos de todo o mundo, tes moito feedback e moitos comentarios moi interesantes. Parece que o programa está moi ateigado de cousas, pero ao final hai un pouco de tempo para estares ti soa desenvolvendo a novela, así que marcho moi contenta", explica Lucía Cernadas.
Carlos Lixó participa cunha colección de relatos de temática histórica. A residencia é un espazo para compartir dúbidas e tamén para achegar ideas.
"Por exemplo, eu estaba moi enfocado na paisaxe histórica e na reconstrución dos feitos e non tanto na construción dos personaxes", explica Carlos Lixó.
"Algo que me gusta disto é a xenerosidade, é moi xeneroso por parte deles ter ideas e dicir -encáixame moito na túa novela, por que non o fas así?", comenta o director de residencia, Javier Peña.
Desde hai catro anos, a residencia literaria do Gaiás selecciona dez proxectos de novela o de relatos inéditos. Durante dúas semanas traballan en común para intentaren chegar á mellor versión das súas obras.