Remite a chuvia torrencial no Mediterráno, pero seis comunidades seguen en alerta
Remite a chuvia torrencial no Mediterráno, pero seis comunidades seguen en alerta
A Comunidade Valenciana, a máis afectada, reabriu as escolas pechadas, mentres os labradores agradecían a chuvia despois de tantos meses de seca
Seis comunidades autónomas do leste de España permanecen en alerta amarela por risco de precipitacións importantes e tormentas.
Na Comunidade Valenciana, a máis afectada pola DANA, reabriron as escolas pechadas pola intensa chuvia, que foi recibida con ledicia polos labregos levantinos despois de tantos meses de seca.
Despois dunha xornada de chuvia torrencial, que se resume neses 127 litros por metro cadrado recollidos en Ontinyent, continúa chovendo na Comunidade Valenciana, pero faino con menor intensidade.
En Xátiva recolléronse esta mañá 67 litros en catro horas, e 51 en Rugat, pero os bombeiros non tiveron que intervir.
En case toda a comunidade mantense activada a alerta amarela por chuvia e tormentas, pero os centros escolares pechados nas catro comarcas máis afectadas pola DANA volveron abrir as súas portas.
Varias estradas permanecen cortadas ou presentan problemas para circular, todas elas nos sur da comunidade, segundo informou o departamento valenciano de Obras Públicas. Os danos son importantes, pero están aínda sen cuantificar.
As precipitacións foron beneficiosas para os labregos levantinos, que evitan, polo momento, as restricións que traía a seca. "Foi unha chuvia milagrosa, é a bendición máis grande que pode caer do ceo"; "Beneficiados todos os cultivos, os frutais, os cítricos que están agora comezando a desenvolver os froitos", explican.
Outras cinco comunidades do leste español manteñen activada a alerta amarela por risco de chuvia e tormentas.