Publicador de contidos
Publicador de contidos

Renfe lanza billetes entre Madrid e Galicia por 25 euros tras o novo atraso dos Avril

Renfe lanza billetes entre Madrid e Galicia por 25 euros tras o novo atraso dos Avril

Este anuncio chega unha semana despois de coñecerse un novo atraso na posta en marcha dos trens Avril, que aínda non teñen data de entrega

G24.gal 07/03/2024 14:20 Última actualización 07/03/2024 14:55

O Ministerio de Transportes anunciou o lanzamento dunha oferta para viaxar en tren a Galicia a 25 euros entre o 1 de abril e o 6 de maio de 2024, incluíndo os desprazamentos tanto de Semana Santa como da ponte de maio.

En concreto, Renfe poñerá á venda os billetes de alta velocidade con desconto para viaxar entre a Comunidade e Madrid a partir do 11 de marzo, tras coñecerse a semana pasada un novo atraso dos convois Avril, que permitirían o desembarco da alta velocidade ao resto de Galicia, xa que na actualidade só chega a Ourense.

Foi o secretario de Estado José Antonio Santano o que llo trasladou á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, nunha chamada telefónica, segundo indica o Ministerio nun comunicado.

El explicou que se trata dunha "grande oferta" que contempla a venda de 2.000 prazas por semana dos servizos Alvia e AVE. Os billetes terán que adquirirse cunha antelación mínima de 10 días antes da data da viaxe.

A esta oferta xeral sumaranse outras concretas de abril a setembro, coincidindo con eventos culturais ou deportivos cos que Renfe ten acordo comercial ou publicitario, segundo dixo o Ministerio.

Este anuncio chega unha semana despois de coñecerse un novo atraso na posta en marcha dos trens Avril, que aínda non teñen data de entrega, o que pospón a chegada da alta velocidade ao resto de Galicia.

Estas máquinas, de rodadura desprazable, adaptaranse ás vías galegas para poder circular por todas elas e así permitir a chegada do AVE a Vigo, Santiago ou A Coruña.

Esta oferta de billetes a 25 tamén estará dispoñible nas mesmas datas na conexión Madrid-Asturias, xa que o Principado tamén se viu afectado polos atrasos nos Avril. 

Despois de confirmarse que os trens Avril non chegarán este mes a Galicia, o ministro de Transportes evita comprometer novos prazos e pon o foco en Talgo, a empresa que os fabrica. Óscar Puente dixo que "oxalá que o atraso sexa o máis corto posible. Neste momento a prioridade é que Talgo culmine as probas con éxito e poder poñer os trens en servizo".

Os usuarios dubidan xa de calquera data. Insisten en que non só afecta á conexión con Madrid, senón ás prazas e frecuencias dos trens que enlazan A Coruña, Vigo e Ourense. A primeira previsión era que estes trens de alta velocidade chegasen hai ano e medio.

Os empresarios sinalan que é inxustificable esta demora constante. Xosé Manuel Vieites, presidente da CEG, denuncia que "é inadmisible que de maneira continuada se atrase. Non podemos esperar máis. Afecta á competitividade das empresas e aos cidadáns".

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, lamentou que os descontos nos prezos dos billetes de tren entre Galicia e Madrid ofrecidos polo Ministerio de Transportes non compensan as perdas que xa se produciron polo atraso da posta en marcha dos trens Avril.

Citicou especialmente que estes descontos sexan para despois de Semana Santa, co que esta tempada alta turística xa se dá por "perdida" e o "dano está feito".

Ademais, insistiu en que a Xunta quere "información" sobre "cando se van a acabar as avarías e disfuncións" no servizo ferroviario e "cando vai chegar o novo material" para que Galicia poida gozar das infraestruturas ferroviarias que xa teñen outros sitios de España.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade