Renfe pon á venda os billetes do Interrail con desconto para os mozos e mozas
Renfe pon á venda os billetes do Interrail con desconto para os mozos e mozas
Son para persoas con idades entre 18 e 30 anos cun desconto do 50 % sobre a tarifa oficial
Renfe puxo á venda os billetes para que os mozos españois ou de calquera outro país da Unión Europea con residencia en España e con idades entre 18 e 30 anos poidan viaxar desde hoxe por Europa co Interrail, cun desconto do 50 % sobre a tarifa oficial.
Este desconto do 50 % aplícase no pase Global Flexible de Interrail, que permite viaxar dez días durante dous meses por todos os destinos do programa, segundo explicou Renfe.
Esta rebaixa, aprobada polo Goberno, aplícase sobre as tarifas oficiais do Interrail, coas súas características de prezo segundo idade.
O Interrail, con máis de 50 anos de existencia, é un pase persoal e intransferible que pode ser adquirido e utilizado por persoas residentes legalmente en Europa e que permite viaxar en tren por 33 países europeos ou en barco (entre Italia e Grecia).
Ademais das rebaixas do Interrail, o Ministerio de Transportes, Movilidade e Axenda Urbana publicou o pasado 1 de xuño tamén as resolucións que fixan as condicións de venda e uso dos billetes con descontos para que os mozos entre 18 e 30 anos poidan viaxar en tren este verán por España do 15 de xuño ao 15 de setembro.
Estas rebaixas son do 50 % en trens AVE, Avlo, Alvia, Intercity e Euromed, cun máximo de desconto de 30 euros por billete; do 50 % para os títulos sinxelos de Avant, e do 90 % para o resto de servizos de media distancia ou da rede de ancho métrico.