Renfe programa máis de 250 buses polas obras na estación da Coruña entre o 21 e 22 de setembro
Renfe programa máis de 250 buses polas obras na estación da Coruña entre o 21 e 22 de setembro
As suspensións afectarán os trens de alta velocidade que conectan con Madrid e os Avant e media distancia con Santiago, Ferrol e Lugo
Durante eses días traballarase na modernización dos sistemas de sinalización e comunicación da estación
Renfe habilitará máis de 250 autobuses para cubrir a suspensión dos trens os días durante 21 e 22 de setembro debido ás obras que realizará Adif na infraestrutura entre A Coruña e Santiago de Compostela e A Coruña-Betanzos.
Nese tempo, Adif realizará a fase de probas con trens da nova sinalización e encravamento electrónico da estación da Coruña, para a súa próxima posta en servizo.
Renfe informou este xoves nun comunicado de que hai autobuses que empezarán a funcionar xa o día 20 a última hora e ata o 23 á primeira hora para posibilitar a chegada a destino dos clientes dos trens de longa distancia que conectan con Madrid.
Así, o AVE A Coruña-Madrid e o Alvia Ferrol-A Coruña-Madrid modificaranse temporalmente e realizarán o traxecto entre Santiago, A Coruña e Ferrol por estrada. En total serán 30 autobuses os habilitados para estes servizos de alta velocidade.
Por outro lado, nos servizos Avant A Coruña-Santiago-Ourense, e media distancia A Coruña-Santiago-Vigo, A Coruña-Ferrol e A Coruña-Lugo-Monforte, polas obras na infraestrutura de Adif, Renfe facilitará a mobilidade cun total de 222 autobuses e microbuses, ademais de 48 servizos de taxi programados.
Os traballos forman parte da modernización dos sistemas de sinalización e comunicación da estación da Coruña, no marco das obras de remodelación desta instalación.