Renfe reforza a ruta A Coruña-Vigo con máis de 7.300 prazas extra semanais desde o luns
Renfe reforza a ruta A Coruña-Vigo con máis de 7.300 prazas extra semanais desde o luns
O incremento da oferta tras o verán facilitará a mobilidade de traballadores e universitarios entre as dúas cidades en días laborables e domingos
Retómase a circulación dos trens de media distancia ao dobre da súa capacidade
Renfe reforza con máis de 7.300 prazas extra semanais os trens entre A Coruña e Vigo Urzáiz, tras o período de verán.
Para facilitar a mobilidade de media distancia no Eixo Atlántico nos horarios de maior demanda, con motivo dos desprazamentos habituais por traballo ou estudos, Renfe retoma tras o verán, a partir do próximo luns 9 de setembro, a circulación de trens de media distancia ao dobre da súa capacidade na liña A Coruña-Vigo Urzáiz.
A compañía programou cada semana máis de 20 trens da súa frota con capacidade para transportar máis de 500 clientes. Está previsto un aumento na afluencia de viaxeiros desde esta semana nos trens entre A Coruña e Vigo, tanto por parte de estudantes coma de traballadores.
A recuperación das dobres composicións, é dicir, dous trens unidos para prestar o mesmo servizo e duplicar prazas en días e horarios de maior demanda, supón un aumento na oferta semanal no Eixo Atlántico de máis de 7.300 prazas.
A nova oferta de prazas facilitará a mobilidade de máis viaxeiros nos momentos de maior demanda, sobre todo en días laborables e domingos, xornadas nas que moitos estudantes regresan dos seus fogares familiares ás súas residencias de estudos durante o período académico.