Publicador de contidos
Publicador de contidos

Reparada a avaría no gasoduto que une Alxeria e España

Reparada a avaría no gasoduto que une Alxeria e España

Segundo o Goberno español, o gas nunca deixou de fluír entre os dous países

Técnicos españois recuperaron a normalidade en dúas horas

O gasoduto MEDGAZ está plenamente operativo
G24.gal 24/07/2022 19:34

Aínda que nun primeiro momento a empresa de hidrocarburos de Alxeria SONATRACH asegurou que a avaría no gasoduto MEDGAZ obrigou a suspender a subministración de gas, fontes do goberno español e da empresa ENAGÁS afirmaron deseguido que o incidente só provocou a diminución da cantidade de gas que nos chega diariamente desde o país norteafricano. 

Técnicos españois solucionaron o incidente en dúas horas

A avaría produciuse arredor das doce e media deste mediodía, durante os traballos de mantemento nunhas instalacións submarinas da estación de compresión de Beni Saaf. Os técnicos españois solucionaron o problema nun prazo aproximado de dúas horas.

O gasoduto transporta anualmente 8.000 millóns de metros cúbicos de gas natural

O gasoduto MEDGAZ, propiedade da alxeriana SONATRACH, a española NATURGY e o fondo norteamericano BLACKROCK, transporta oito mil millóns de metros cúbicos de gas natural ao ano a través do Mediterráneo, entre a cidade costeira africana de Beni Saaf e Almería, onde conecta coa rede española.

A crise diplomática existente entre Alxeria e España agravou a situación

O incidente prodúcese nun momento de crise diplomática con Alxeria, despois do cambio de postura do goberno español sobre a soberanía do Sáhara. Alxeria segue subministrando gas a través do gasoduto submarino avariado este domingo, e gas natural licuado por vía marítima, pero xa advertiu da revisión dos contratos e a posible suba dos prezos. Case en paralelo, Alxeria estableceu unha alianza enerxética con Italia.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade