Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rescatadas con vida en Turquía dúas mulleres de entre os cascallos tras 122 horas

Rescatadas con vida en Turquía dúas mulleres de entre os cascallos tras 122 horas

O tempo estándar que un ser humano pode permanecer vivo sen inxerir auga ou comida en desastres como este é de 72 horas

Os falecidos nos terremotos de Turquía e Siria xa superan os 24.000, mais de 20.000 deles só en Turquía

Os servizos turcos de emerxencia rescatan viva unha muller tras os terremotos
G24.gal 11/02/2023 09:53

Os servizos turcos de emerxencia lograron sacar con vida unha muller de 70 anos e outra de 55 case 122 horas despois de quedaren sepultadas baixo os cascallos de dous edificios destruídos nas cidades de Kahramanmaras e Diyarbakir, tras os tremores rexistrados o luns no sur do país, nas proximidades da fronteira con Siria.

Un  intenso esforzo dos equipos turcos de busca en Kahramanmaras, permitiu rescatar de entre as ruínas dun inmoble a Violet Tabak, de 70 anos, tras 122 horas atrapada. Trasladárona de inmediato a un hospital para que recibise atención médica.

A esa mesma hora pero a 400 quilómetros ao leste, na cidade de Diyarbakir, unha muller de 55 anos era sacada de debaixo dos entullos do edificio destruído no que pasara máis de cinco días sepultada. A Masallah Çiçek, que presentaba multitude de feridas, levárona a un centro médico.

Na sexta xornada desde os sismos, os servizos de emerxencia internacionais seguen na busca de persoas vivas que rescatar, un traballo que se complica conforme pasan as horas, posto que o tempo que pode permanecer vivo un ser humano sen inxerir auga ou comida en desastres como este é de 72 horas.

A Autoridade de Xestión de Desastres e Emerxencias (AFAD), dependente do Ministerio do Interior turco, indicou que preto de 160.000 membros dos equipos de procura e rescate, entre os que se atopan equipos internacionais e varias ONG, traballan nas zonas afectadas.

Ata a rexión enviáronse grandes cantidades de equipamento de rescate, comidas, bens de primeira necesidade e grupos de axuda psicosocial.

Os terremotos deixan máis de 20.000 mortos en Turquía e case 3.500 en Siria, entre as cifras que ofrecen as autoridades sanitarias do Goberno de Al Assad e as dos rebeldes nas provincias de Idlib e Alepo, no noroeste.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade