Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rescatan unha cadela cunha escavadora na Lama

Rescatan unha cadela cunha escavadora na Lama

Os cazadores pasaron máis de 24 horas para poder rescatar a India

A cadela está na Lama á espera de ir para A Estrada, onde reside o seu dono

G24.gal 26/01/2022 14:27

Os responsables do Tecor da Lama pasaron un día de rastrexo e máis de hora e media de traballo cunha escavadora e sachos para rescatar unha cadela. O animal quedou atoado nunha coelleira cando seguía un rastro.

Levaba máis de 24 horas atrapada no interior dun labirinto composto por varios túneles, o seu colar con localizador GPS non funcionaba e era incapaz de ladrar ou facer ruído.

Na zona había preto de 20 buratos e os cazadores rozaron todas as entradas. Finalmente, tras localizar dous foxos con rastros recentes, elixiron un, e chamaron a escavadora.

"Comezamos a escavar nunha coelleira que tiña uns oito metros. Xa era de noite. Cando chegamos a cinco ou seis metros deu sinais de vida, comezou a ladrar desconfiada, botou fora o fociño e valeu a pena, estou contento a verdade e que o faría cincuenta ou cen mil veces. Deu traballo, foi complicado, pero tivo un final feliz, foi unha tarefa de todos que o fixeron desinteresadamente", afirma Sergio Cendón, presidente do TECOR da Lama.

"Comezamos a descubrir unha tobeira despois outra, rozamos e nunha zona duns 50 ou 60 metros había como 15 ou 20 buratos. E a cadela non daba sinais de vida tiña o colar co GPS, pero estaba enterrada e non daba sinal, ademais a batería xa se esgotara e non marcaba a súa localización". 

Aínda co medo no corpo, India está pasando uns días en Paradela de Xende, á espera de volver á súa casa. Este domingo o presidente do TECOR da Lama levará a India co seu dono á Estrada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade