Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un interno do cárcere da Lama golpea e ameaza varios funcionarios durante un motín

Un interno do cárcere da Lama golpea e ameaza varios funcionarios durante un motín

Un reo amotinouse na biblioteca e ameazou os funcionarios cunha barra metálica que lle chegou a lanzar

Todo comezou cunha liorta entre tres internos. Un deles negouse a obedecer as ordes dos traballadores públicos.

G24.gal 06/05/2024 14:33

Unha lea entre tres internos rematou cun dos presos amotinado nunha biblioteca tras desobedecer as ordes dos funcionarios que tentaban separalos. Unha vez dentro ameazou e tentou agredir os traballadores deste cárcere da Lama.

"Tirándonos obxectos e tentando golpear a un funcionario cunha barra de ferro na cabeza. Grazas que puido esquivalo e non lle deu pero as súas intencións non eran boas. O xefe de servizo ordenou que os funcionarios pechasen o patio, levasen a xente ás celas e lles ordenou poñerse o casco e o escudo xunto con outra serie de proteccións para reducir ao interno", resume Julio Díaz, responsable na Lama do sindicato Tu Abandono Me puede Matar.

Conseguiron reducilo e levalo a un módulo de illamento. A liorta comezou, segundo nos confirmou este sindicato, por un impago de débedas. Entre elas podería estar o xogo ou os medicamentos que lle subministran para reducir a ansiedade, que eles mesmos deben administrarse por falta de persoal. Medicación que utilizan para vender e comercializar con outros reos.

"Non hai persoal sanitario suficiente para facer unha repartición diaria desa medicación. Polo cal danlle bolsiñas para catro ou cinco días e claro, persoas que teñen adicións, que eles mesmo administren estas medicacións psiquiátricas non dá moi bo resultado".

Denuncian esa falta de persoal e tamén o seu protocolo de agresións, moi laxo con estes funcionarios públicos.

"Se che cuspen, fanche a cambadela, danche unha labazada ou algo así, para a Secretaría Xeral non se considera agresión. Entón eles presentan unhas estatísticas onde din que todo é marabilloso".

Aseguran que este non é un caso illado xa que estes ataques, físicos e verbais, son unha constante. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade