Rescates "milagrosos" dun bebé de 7 meses e outras seis persoas en Turquía 140 horas despois dos sismos
Rescates "milagrosos" dun bebé de 7 meses e outras seis persoas en Turquía 140 horas despois dos sismos
Rescates "milagrosos" dun bebé de 7 meses e outras seis persoas en Turquía 140 horas despois dos sismos
Militares españois colaboran para sacar vivo de entre os cascallos un home de 70 anos
Os servizos de emerxencia que traballan en Turquía lograron rescatar vivas de entre os cascallos sete persoas durante a noite do sábado ao domingo, entre elas está un bebé de sete meses. Permaneceron sepultadas durante máis de 140 horas tras os terremotos rexistrados o luns no sur do país, preto da fronteira con Siria.
O bebé localizárono na provincia de Hatay, en Antioquía, conforme recolle a axencia de noticias turca Anadolu. Na cidade de Nurdag, en Gaziantep, os equipos de rescate lograron recuperar con vida unha mulller embarazada, o seu irmán e unha persoa máis.
Ademais, rescataron unha nena de 13 anos en Gaziantep despois de 133 horas. Na provincia de Kahramanmarash os equipos de salvamento liberaron un home de 26 anos sepultado tras derrubarse un inmoble de once andares, e unha sexta persoa, unha nena de catro anos, foi recuperada vida en Sengul, o sueste de Turquía.
Suceden estas noticias esperanzadoras mentres os servizos de emerxencia seguen na busca de persoas vivas na sétima xornada despois dos terremotos de Turquía e Siria.
Os infantes españois da Mariña desprazados á zona do desastre colaboraron o sábado no rescate in extremis dun home de 70 anos de entre os cascallos dun edificio na cidade de Iskenderun, na provincia de Hatay.
Sucede despois de que na madrugada do sábado os soldados tamén participaran na recuperación dun neno de 7 anos na mesma zona e de que os bombeiros españois tamén rescataran outro menor vivo.
Os militares, que continúan así co seu traballado ininterrompido de apoio aos servizos turcos en catro puntos da cidade, subliñaron que ante o drama da situación "reconforta" achegar un "graíño de area para salvar algunha vida".
Defensa precisou que membros do continxente do Exercito de Terra despregado e compoñentes do grupo Dédalo seguen reforzando o operativo de axuda humanitaria no aeroporto de Adana, así como o traslado de axuda humanitaria desde Adana a Iskenderun.
Membros do grupo Dédalo 23 descargaron este sábado un barco de axuda humanitaria no porto de Limak, nas proximidades da cidade, e tamén se enviaron 30 persoas para axudar na montaxe dun campamento para damnificados xunto ao porto.