Restaura bolsos de luxo e pezas de pel que volven lucir coma novas
Restaura bolsos de luxo e pezas de pel que volven lucir coma novas
Un obradoiro dos de sempre agora reinventado
As redes sociais son o mellor escaparate para mostrar o traballo do curtidoiro
"É un bolso Dior, é vintage e este bolso hoxe en día é hipercaro, son firmas de luxo e que paga sempre a pena arranxalo", conta Azucena Torreiro propietaria de Curtidos Orzán.
Louis Vuitton, Carolina Herrera, Prada, Gucci, Dior..., os bolsos das marcas máis luxosas do mundo pasan polas súas mans cada día. Ela devólvelles a vida.
"Ves que a pel está totalmente recuperada, estou acabando coas asas que estaban moi negras, a ceriña que lle falta por aquí", continúa.
Azucena empeza cada día a xornada laboral ás 5 da mañá. Non dá abasto con todos os encargos que recibe de clientas de toda España.
"Todos os días, e as fins de semana ás 6. É un traballo que me gusta, que me relaxa, ou sexa non teño problema por levantarme tan cediño", apunta Azucena Torreiro propietaria de Curtidos Orzán.
Nun negocio tan tradicional como un curtidoiro, as redes sociais son hoxe en día o seu mellor escaparate.
"Estou encantada, é moi coñecida a nivel España porque eu sígoa por Instagram", explica unha clienta.
Agradece a confianza que depositan nela porque a maioría son artigos de moito valor, o sentimental á parte.
"Son esas cousas que compras moi caras e agora valen moito, e ademais leva comigo 50 anos, entón pois téñolle moito cariño", conta outra.
Sempre recorda unhas botas moi caras de Gucci que tivo que arranxar polas que pasou noites en vela.
"Moitos ceros levaba iso, seguro, si, si, unha burrada tiña que custar, non sei 9.000, 10.000 euros podían custar", relata Azucena Torreiro, propietaria de Curtidos Orzán.
Non coñece ninguén máis que faga o mesmo que ela. Lamenta que non haxa remuda nun oficio con tanto futuro.