O autor material do atentado de Baralla exculpa os exdirixentes de Resistencia Galega
O autor material do atentado de Baralla exculpa os exdirixentes de Resistencia Galega
A Fiscalía retira a acusación contra un dos acusadados e rebaixa a un ano e medio a súa petición para o segundo nun xuízo que quedou visto para sentenza
O autor material do atentado na casa consistorial, xa condenado, sostén que actuou só
O fiscal rebaixou no xuízo de 15 anos de prisión a un e medio a súa petición para o exdirixente de Resistencia Galega Antón García Matos, ao que acusa de fixar o obxectivo e facilitar o material para o atentado cometido por esta banda terrorista no Concello de Baralla o 1 de outubro de 2014.
Ademais, na vista celebrada este martes na Audiencia Nacional o representante da Fiscalía retirou a acusación para outra ex-xefa da organización, Asunción Losada Camba, para a que inicialmente solicitaba tamén 15 anos de cárcere.
Ambos os acusados, que se negaron a declarar, xa se atopan en prisión cumprindo unha pena de 28 anos de prisión que aceptaron nun xuízo anterior celebrado en 2022 no que confesaron ser autores de pertenza a organización terrorista na súa condición de dirixentes, fabricación de explosivos, falsidade documental e tenencia ilícita de armas.
Á vista do desenvolvemento do xuízo celebrado este martes polo atentado de Baralla, o fiscal retirou a acusación respecto a Asunción Losada Camba e modificou a súa petición para a Antón García Matos, ao estimar que debe ser condenado como autor mediato dun delito de danos terroristas e non de estragos terroristas que lle imputaba inicialmente.
Raúl Agulleiro Cartoy, xa condenado a sete anos e medio de prisión polo atentado cometido no Concello de Baralla, que causou cuantiosos danos materiais, testificou na vista e asegurou que ningún dos acusados lle ordenou nin lle facilitou o material para o artefacto explosivo. "Foi unha decisión propia miña por unhas declaracións que fixera o alcalde uns meses antes en contra das vítimas do franquismo que me indignaron", manifestou.
O fiscal preguntoulle por un arquivo informático que lle foi incautado no que figura unha lista de obxectivos da banda elaborada por Antón García Matos no que figuraba o Concello de Baralla, o que achacou á casualidade. Ante estas declaracións o fiscal dixo que cabería pedir dedución de testemuño para investigar a Raúl Agulleiro por posible falso testemuño pero engadiu: "Xa para que, bastante ten".
O fiscal lembrou que García Matos explicaba no devandito documento que fixaba como obxectivo da banda o Concello de Baralla polas polémicas declaracións do alcalde. E engadiu que se atoparon trazas do seu ADN nun garaxe de Coimbra no que a banda escondía material para artefactos explosivos e no zulo no que Agulleiro ocultaba o que usou no atentado
Pola súa banda o avogado de García Matos pediu a súa absolución ao considerar que non quedou probado que o seu representado realizase acción algunha para que Agulleiro cometese o atentado.
Segundo lembra o escrito de acusación da Fiscalía Raúl Agulleiro colocou na madrugada da data referida o artefacto explosivo nun banzo que dá accedo ao Concello de Baralla programado para que estalase ás 4:45 horas.
A explosión produciuse sobre esa hora e causou graves danos materiais no concello e nun radio de 50 metros taxados en máis de 200.000 euros.