Publicador de contidos
Publicador de contidos

Retiran a planadora que apareceu varada na praia de Nemiña, en Muxía

Retiran a planadora que apareceu varada na praia de Nemiña, en Muxía

Trasladárona a unha nave municipal en Muíños ata que a Garda Civil decida a onde a levan para estudala

G24.gal 24/03/2023 17:51 Última actualización 24/03/2023 20:54

Máis de seis horas levou sacar a planadora da praia de Nemiña, onde apareceu varada o xoves pola tarde. Tras varios intentos frustrados, houbo que buscar un guindastre para retirala do areal. Os seus 12 metros de eslora e o peso do casco e dos catro motores de gran potencia facían imposible movela.

"Fixeron falta un guindastre e tractores, e tamén persoal do concello e de Protección Civl e moita estratexia para conseguir sacala. Agora está nunhas instalacións municipais ata que a Garda Civil decida como ten que proceder", explica Iago Toba, o alcalde de Muxía.

Axentes da Garda Civil e de Aduanas custódiana nesta nave para preservar que non se destrúa ningunha pegada que pode servir de proba para a investigación.

Nun primeiro rexistro comprobouse que a embarcación chegou baleira, e que ten danos no casco, o que pode indicar que levaba varios días á valga. Os depósitos tíñaos cheos de gasolina.

"Cheiraba moitísimo a gasolina, ata queimaba un pouco nos ollos e irritaba", di unha testemuña.

O Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga da Garda Civil fíxose cargo da investigación, que terá que determinar se a narcolancha ten algo que ver con outras varadas recentemente nas costas galegas ou co submarino apresado a semana pasada.

Iago Toba, alcalde de Muxía, pensa que "debe haber detrás unha circulación de transporte ilegal, porque esta non é unha narcolancha calquera, é moi potente. Confiamos nas forzas do Estado".

A narcolancha permenecerá en Muxía ata que os investigadores decidan a onde trasladala definitivamente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade