O xurado do caso de Nerea Añel comezará a deliberar o vindeiro luns
O xurado do caso de Nerea Añel comezará a deliberar o vindeiro luns
Tras catro xornadas de declaracións, o xurado debe determinar se Julio González Sierra é responsable ou non da morte de Nerea Añel
Os forenses que fixeron a autopsia din que Nerea faleceu polas fracturas no cranio e nas vértebras
Atribúeno a unha caída, pero non desbotan unha posible causa homicida
No mesmo día en que Nerea Añel faría 31 anos, un xurado popular delibera sobre as circunstancias en que morreu hai catro. O acusado, en prisión por outros delitos, declárase inocente, pero Fiscalía e acusación particular piden para el 14 anos de prisión, por homicidio no caso da acusación particular e por deixala morrer no caso da Fiscalía.
"Algo, a xuízo do Ministerio Fiscal, ocorreu naquel camiño. Eu non vou dicir que a golpease violentamente e a tirase posteriormente ao río porque non teño probas diso", sinala o fiscal Julián Pardinas nas súas conclusións.
Ao longo do xuízo declararon varias testemuñas de que os dous fuxiron xuntos por este camiño na noite do 15 de xaneiro de 2020. Catro horas despois, Julio regresou só e nun estado de nerviosismo que a acusación atribúe a que viña de trasladar o corpo de Nerea ata o lugar onde apareceu nove meses despois.
Cren que o ocultou para eludir responsabilidades, pero a autopsia non é concluínte polo avanzado estado de descomposición. Os forenses certifican que sufriu fracturas no cranio e en tres vértebras que atribúen a unha caída desde certa altura e consideran que, probablemente, iso a fixo quedar inconsciente. Pensan que podería sobrevivir se recibise axuda, pero, aclaran, non se pode probar ningunha causa homicida.