Retírase o anticiclón e chega o inverno con toda a súa dureza
Retírase o anticiclón e chega o inverno con toda a súa dureza
Cambio brusco coa entrada de aire polar
Este xoves entra unha borrasca profunda que vai traer frío, choiva, vento e neve
Se pensabamos que o peor do inverno xa pasara, nunca tan enganados estivemos. Mañá achégase unha borrasca moi activa que nos vai recordar que aínda estamos en febreiro.
"Xa dende a madrugada imos ter unha fronte moi activa, con chuvia persistente de intensidade moderada pola mañá, vento fortes xa con refachos moi intensos, e a partir de media mañá o vento cambiará a noroeste, a chuvia farase máis intermitente, pero a cambio empezará a entrar aire frío. Comezará a descender a cota de neve e ao final da xornada de mañá xoves estará xa por debaixo dos mil metros de altura", informa Juan Taboada, meteorólogo de Meteogalicia.
Atrás queda a calor intensa que tampouco foi normal. Se nos deran a elixir, quedamos con este día de hoxe, que é de transición.
"Prefiro ter a temperatura máis ou menos constante, porque os cambios bruscos son malos para a saúde, os ósos, os catarros".
"Eu penso que mellor hoxe, nin mañá que vai ser terrible, nin onte que ía bastante calor".
"Así, como está agora", comentan na rúa.
O aviso en toda a costa que para mañá é de cor laranxa, o venres tórnase a vermella no litoral norte, segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía. Ademais de vento, continuará nevando en cotas máis baixas.
"E atención, porque onde non vexamos neve poderemos ter pedrazo, e este é un meteoro bastante importante, bastante significativo, que hai que ter en conta sobre todo á hora de desprazarse", explica Taboada.
A inestabilidade atmosférica vai continuar e o tempo invernal acompañaranos cando menos ata os primeiros días da vindeira semana.