Singradura dende Galicia ao Caribe con instrumentos de navegación do século XVII
Singradura dende Galicia ao Caribe con instrumentos de navegación do século XVII
Oito mariños veteranos queren cruzar o Atlántico só coa axuda de aparellos antigos
A aventura poderase ver na plataforma da CRTVG antes de que remate o ano
Pretendían saír este sábado do peirao arousán do Xufre, pero volveron a terra polo mal tempo. Malia todo, a aventura continúa. Son oito mariños veteranos que queren cruzar o Atlántico só coa axuda de instrumentos de navegación do século XVII.
A singradura, a bordo do veleiro de dous mastros A Peregrina, durará unhas tres semanas. O obxectivo, aprazado ao luns, é chegar á Desexada, unha illa do Caribe, situada a 3.000 millas da costa galega.
O periplo, denominado Reto astrolabio, poderá seguirse a través da nova plataforma audiovisual da CRTVG, que emitirá dúas reportaxes con todos os detalles antes de fin de ano.
Un grupo de expertos en náutica intervirá ao longo de todo o documental sobre a viaxe. Así mesmo, a embarcación contará cun espazo a modo de confesionario, onde os integrantes da tripulación darán a coñecer as súas impresións, medos e sentimentos máis íntimos.
O narrador en terra será o Premio Nobel de Literatura e Premio Nadal, Alfredo Conde, que tamén é mariño mercante. O narrador a bordo será o capitán, Javier Babé, que deixará constancia a través do seu diario das incertezas ou dúbidas con respecto á navegación, así como reflexións sobre a vida a bordo.