Publicador de contidos
Publicador de contidos

Revisan as cámaras do aparcadoiro do Porriño onde morreu o neno esquecido nun coche

Revisan as cámaras do aparcadoiro do Porriño onde morreu o neno esquecido nun coche

Os investigadores da Garda Civil non van chamar os pais a declarar ata que pase o funeral

Concentración de apoio á familia do neno dos veciños do Porriño ante o Concello
G24.gal 08/07/2023 10:22 Última actualización 09/07/2023 08:10

O neno do Porriño faleceu no asento traseiro do turismo da súa nai, un Peugeot 308 familiar branco, sentado na cadeira de seguridade para bebés.

Os elementos incluídos na investigación policial e xudicial aberta polo tráxico suceso fan pensar que o que pasou non foi máis que un fatal despiste da nai, que esqueceu no traxecto desde a casa levar o fillo á gardería, e de xeito mecánico dirixiuse ao seu traballo na farmacéutica Lonza. Todo fai supoñer que o neno durmía nese momento sen facer ruído.

Deixou o coche no aparcamento de terra habilitado nunha explanada próxima á empresa e comezou no edificio a súa actividade laboral.

Os investigadores da Garda Civil baixo a dirección do Xulgado de Instrución número 1 do Porriño revisarán agora as cámaras de videovixilancia da compañía para certificar estes pasos.

Tamén revisarán as imaxes captadas seis horas despois de que a muller deixara o vehículo no lugar. As imaxes serían a evidencia da reacción da nai tras recibir a chamada do seu home e pai dos seus dous fillos. El era o encargado de recoller o pequeno na gardería  a primeira hora da tarde.

Tras recibir a chamada do marido, a nai lembrou que o pequeno de dous anos permanecía no coche desde que ela entrou a traballar. Cando saíu correndo da oficina para chegar ao coche xa era tarde.

Entre as indagacións tamén se lle tomou declaración ao vixilante privado da empresa que vela pola seguridade no recinto e a unha compañeira de traballo que coincidiu coa nai cando ía cara ao coche e foi quen a axudou a avisar o 112 para mobilizar os sanitarios.

Primeiro o enterro

Os pais están conmocionados tras o tráxico suceso. Os investigadores policiais agardarán a que pase o funeral e o enterro do neno para chamalos a declarar. Todo apunta a que se tratou dun despiste fatal. Na localidade agardan que remate o proceso sen responsabilidade para a muller.

Toda a familia do pequeno está a recibir apoio psicolóxico por parte de especialistas neste tipo de situacións e contan co apoio do Concello. Agora o matrimonio e o outro fillo de sete anos pasan estas primeiras horas de loito na intimidade á espera de poder darlle sepultura ao neno morto.

O Porriño decretou tres días de loito e suspendeu as festas Porrigalia, que estaban programadas na vila.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade