Rexeitada a primeira querela contra o xuíz Peinado, que leva o caso de Begoña Gómez
Rexeitada a primeira querela contra o xuíz Peinado, que leva o caso de Begoña Gómez
O TSXM considera que non hai indicios suficientes para investigar este maxistrado por un presunto delito de revelación de segredos
A querela presentáraa o xornalista Máximo Pradera
O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSXM) rexeitou admitir a trámite a primeira querela presentada contra o xuíz Juan Carlos Peinado, responsable da investigación aberta a Begoña Gómez, muller do presidente do Goberno.
O TSXM considera que non hai indicios suficientes para abrir unha investigación a este maxistrado por un presunto delito de revelación de segredos, como pedía o xornalista Máximo Pradera, que se querelou contra el pola difusión dunha nota de prensa anunciando o inicio da causa contra Begoña Gómez.
Trátase da primeira querela interposta contra o titular do Xulgado de Instrución número 41 de Madrid.
O TSXM debe pronunciarse sobre dous máis: as que presentaron a Avogacía do Estado, en representación do xefe do Executivo, e a do avogado de Begoña Gómez por presunta prevaricación en varias decisións que adoptou na súa investigación.
Os maxistrados da Sala do Civil e o Penal xa deliberaron o pasado día 8 sobre a admisión a trámite da primeira, pero o ditame non transcendeu.