Ribadavia acolle unha nova edición da Feira do Viño do Ribeiro
Ribadavia acolle unha nova edición da Feira do Viño do Ribeiro
Os asistentes poden probar os caldos da última colleita
Os produtores desta denominación de orixe presumen duns viños que cada ano que pasa gañan en proxección internacional
O tempo non acompaña nesta nova edición da Feira do Viño do Ribeiro pero, con máis de medio século de historia, xa están preparados para facerlles fronte ás inclemencias meteorolóxicas, aquí e tamén nos viñedos.
Javier González, Adega "Ramón do Casar": "Foi un ano de moita humidade, moita enfermidade, pero traballamos moito en viña e houbo moi boa produción e moi boa sanidade na uva".
Colleitaron once millóns e medio de quilos de uva e a esta feira veñen amosar o que fixeron con ela.
Xulia Bande, colleiteira do Ribeiro: "É a denominación de orixe máis rica varietalmente falando e temos un abano de posibilidades para facer viños moi personalizados e de alta calidade".
Participan 36 produtores, entre adegas e pequenos colleiteiros que elaboran viños de autor e mesmo se atreven con algún experimento, que é outro dos atractivos desta feira.
José Antonio Rodríguez, colleiteiro de Viña Carpazal: "Sempre é o costume facer viño tinto en barrica e nunca probaramos co branco".
O resultado coñecerase o domingo, na entrega de premios, pero de momento, o público parece contento. "Plantouse moita cepa nova de castes, calidade". "A calidade dos viños que temos aquí é, vamos, fóra de serie!", comentan.
Paralelamente, celébranse catas, conferencias e mesmo espectáculos de cociña para amenizar a fin de semana.