Ribadavia volve ter auga todo o día
Ribadavia volve ter auga todo o día
A grave seca deste ano está a causar moitos problemas de abastecemento de auga en numerosas aldeas e municipios galegos. O de Ribadavia foi o primeiro concello que tivo que declarar a alerta pola seca e activar o plan de emerxencia municipal.
Agora case un mes despois conseguiron, despois de moito traballo e dificultades, restablecer o servizo. Esta fin de semana comezaron as probas de captación directa desde o río Avia e conseguiron restablecer o servizo durante todo o día.
As obras para nova captación de auga do río Avia están funcionando e Ribadavia recupera a subministración xa sen restricións en todo o municipio.
A seca deste ano deixou sen auga o regato Maquiáns do que se abastecían e o Concello e a empresa concesionaria de augas tiveron que buscar unha solución.
Agora xa hai auga da traída nas billas, pero a poboación, uns 5.000 habitantes, estivo desde principios de agosto con continuos cortes de auga.
Unha situación complicada, que fixo que o Concello de Ribadavia tivera que decretar a alerta pola seca e activar o plan de emerxencia municipal, que por agora vai seguir activo, porque a situación segue a ser crítica e máis se vén un setembro sen chuvia. Ribadavia ofrece tamén agora a súa auga e axuda aos concellos da comarca que están tendo problemas.