Ribeira Sacra, unha paisaxe marcada pola auga

Expertos de todo o mundo danse cita nun congreso internacional que busca relanzar a candidatura deste territorio a Patrimonio da Humanidade

G24.gal 06/11/2023 21:31 Última actualización 06/11/2023 21:43

O decorrer dos ríos Sil e Miño ao longo da historia deu forma a unha paisaxe única. Máis de dezaseis mil hectáreas de terreo, a cabalo entre as provincias de Lugo e Ourense, divididas nunhas noventa e seis mil parcelas onde os usos e costumes se manteñen case inalterables dende hai séculos.

Mario Crecente, Coordinador da Candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade: "Se a esa estrutura tan miúda e tan ben conservada lle unimos non só as liñas que marcan os camiños e os socalcos senón tamén as liñas de auga —regos, regatos, muíños, batáns, eléctricas populares, ata chegar ás centrais contemporáneas—, esa aliñación de usos da auga é a que nos dá a paisaxe resultante e é sobre o que queremos traballar".

Cun obxectivo, reformular a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. Para pór en valor a pegada da auga decidiron congregar, durante tres días, máis dunha trintena de expertos internacionais.

Carmen Martínez, Directora Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia: "Persoas que pertencen a institucións relevantes como UNESCO ou ICOMOS e traballan todos os días con estes bens patrimoniais para que nos abran horizontes, novas perspectivas que nos permitan traballar nesa liña para conseguir un recoñecemento de valor universal excepcional".

Un recoñecemento a singularidade dun territorio moldeado pola auga onde a viticultura heroica comparte espazo cunha das maiores concentracións de igrexas e mosteiros románicos de toda Europa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade