Ribera critica a "querenza" do xuíz García Castellón a pronunciarse en "momentos políticos sensibles"
Ribera critica a "querenza" do xuíz García Castellón a pronunciarse en "momentos políticos sensibles"
Ribera critica a "querenza" do xuíz García Castellón a pronunciarse en "momentos políticos sensibles"
O xuíz da Audiencia Nacional desestimou o recurso presentado pola Fiscalía contra a súa decisión de enviar a causa sobre Tsunami Democràtic ao Supremo
Ribera indicou que é un xuíz que "sempre ten moito acerto na sensibilidade das datas", e sinalou que "debe motivar, explicar" o seu pronunciamento
O CXPX reprocha as críticas de Teresa Ribera sobre o xuíz García-Castellón
A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, criticou que o xuíz da Audiencia Nacional Manuel García Castellón ten "certa querenza" para pronunciarse en "momentos políticos sensibles", tras insistir o xuíz na tese terrorista na causa sobre Tsunami Democràtic, en que investiga o expresidente catalán e líder de Junts, Carles Puigdemont, por un presunto delito de terrorismo.
"Eu sería moi cauta con respecto á maneira en que se estaba pronunciando este xuíz, que como digo tennos afeitos a que sempre se incline nesta mesma dirección, que evidentemente ten unha implicación política importante e adoita saír a colación en momentos políticos sensibles", asegurou Ribera este venres en declaracións a TVE, recollidas por Europa Press.
O xuíz desestimou o recurso da Fiscalía contra a súa decisión de enviar a causa sobre Tsunami Democràtic ao Supremo para que investigue por un delito de terrorismo a Puigdemont
Fíxoo ao ser preguntada pola súa opinión acerca de que o xuíz desestimase o recurso presentado pola Fiscalía contra a súa decisión de enviar a causa sobre Tsunami Democràtic ao Tribunal Supremo para que investigue por un delito de terrorismo na causa a Puigdemont, á dirixente de ERC Marta Rovira e a outras dez persoas, á vez que mantén que os feitos foron terrorismo.
Ribera empezou a súa resposta afirmando que é "moi importante" respectar a separación de poderes como un dos principios fundamentais da convivencia e a Constitución, incluído o respecto ao Poder Xudicial, a xuíces e maxistrados.
Ribera indicou que é un xuíz que "sempre ten moito acerto na sensibilidade das datas", e sinalou que "debe motivar, explicar" o seu pronunciamento
Pero "iso non impide ver", continuou a vicepresidenta terceira, "que hai algunhas persoas que ostentan esa representación institucional do Poder Xudicial que teñen certa querenza por pronunciarse sempre nunha mesma dirección e nun momento particularmente oportuno fronte ao que polo demais adoitan ser os pronunciamentos doutros compañeiros dentro do exercicio dese Poder Xudicial".
Perante esta resposta, e ao ser cuestionada se estaba a acusar a García Castellón de guiarse por un criterio político, Ribera indicou que é un xuíz que "sempre ten moito acerto na sensibilidade das datas", e sinalou que "debe motivar, explicar" o seu pronunciamento. "Corresponde esperar a ver que é o que ocorre", engadiu.
E á pregunta de se o considera un caso de lawfare, de persecución xudicial por motivos políticos, Ribera esgrimiu que é "capital" entender que non soamente importa o exercicio do Poder Xudicial, senón tamén "as formas e as motivacións".
"Pero tamén esa valoración de oportunidade sobre o momento en que saen á luz estas informacións é relevante", remachou Ribera en referencia a García Castellón e no marco da tramitación da lei de amnistía para os implicados no proceso independentista catalán.
Díaz considera que hai resolucións xudiciais con relevancia política que coinciden no tempo
A preguntas dos xornalistas sobre estas declaracións de Ribera, a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, afirmou que "hai algunhas resolucións xudiciais que semella que, ás veces, cadran en tempos, que son dunha relevancia política concreta, pero, insisto, descoñezo o que dixo Teresa Ribera".
O PP pídelle ao presidente do Goberno que desautorice as declaracións de Ribera
Pola súa parte, a secretaria xeral do PP, Cuca Gamarra, pide o presidente do Goberno e o ministro de Xustiza que desautoricen as declaracións de Ribera porque "senón serán eles mesmos os que, co seu silencio, están asumindo que en España hai lawfare".