Publicador de contidos
Publicador de contidos

Roberto García: "Cando seis industrias lle impoñen de xeito concertado o prezo a 6.000 gandeiros estamos ante unha situación ilegal"

Roberto García: "Cando seis industrias lle impoñen de xeito concertado o prezo a 6.000 gandeiros estamos ante unha situación ilegal"

Unións Agrarias afirma que as industrias do leite pactaron unha rebaixa do dez por cento no prezo en orixe

A nova PAC chega esixindo máis e coa obriga de cubrir a diario un caderno dixital da explotación

G24.gal 31/03/2023 09:10

Hai preocupación no sector lácteo. Unións Agrarias afirmou que denunciará ante a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia un suposto acordo entre as grandes industrias lácteas para rebaixar o prezo en orixe. O secretario xeral do sindicato agrario foi claro nunha entrevista feita no Bos días.

"O gandeiro ten a desgraza de ter un produto perecedoiro, se non lle recollen o leite ten que tiralo. Esa presión emprégaa a industria de xeito concertado para que unha semana antes de que acaben os contratos lle leven un papel co prezo posto pola propia industria e, ou se firma, ou non lle recollen o leite. Estamos nunha renovación de contratos sen negociación, sen unha presentación por escrito dun ano de duración, non poden facelo por menos, con dous meses de antelación ao remate do contrato en vigor. Estas son faltas graves que están recollidas na lei con sancións de 3 a 100.000 euros. A día de hoxe co coñecemento que ten o Goberno e a Xunta, chama a atención que non haxa expedientes abertos porque o están facendo todas a industrias", segundo Roberto García.
 

Dixo que non está xustificada nun contexto de subas continuas nos custos de produción unha rebaixa do dez por cento no prezo do litro de leite.

"Os gandeiros asumen que se lles baixan os custos de produción, penso, gasóleo ou electricidade, van repercutilo no prezo. Se seguen subindo non se xustifica unha baixada do dez por cento no prezo do leite, porque o consumidor segue pagando no supermercado o mesmo que antes desta baixada", di García.

Neste escenario "tramposo", Unións Agrarias fai un chamamento ás administracións para que fagan o seu traballo e actúen en algo tan sinxelo como é cumprir a Lei da Cadea Alimentaria.

Este 2023 entra en vigor a nova Política Agraria Común, pero esta nova PAC, que chega con dous anos de atraso, tamén trae consigo unha nova tramitación, dixital, que non lles está poñendo as cousas precisamente fáciles aos gandeiros e agricultores que teñen que solicitar estas axudas.

"Cada ano que se reforma a PAC din que é para simplificala, pero cada vez é máis complexa, cada vez ten máis esixencias e vemos que unha parte do que cobramos temos que destinala a servizos de asesoramento pola complexidade da súa tramitación", asegurou Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias.
 

En Galicia, agardan 25.000 solicitudes nunha convocatoria en que aumenta as axudas ata os 217 millóns de euros.

"Hai unha cantidade importante de cartos, pero todo non vai ser para o gandeiro. Hai que destinar a unha serie de complementos medioambientais. Seguimos tendo unha media de achegas por explotación moito máis baixa que o resto do Estado e que outros países de Europa, malia competir no mesmo mercado. Unha parte das axudas van ás persoas que son as propietarias dos terreos e que son pensionistas e non a quen vive da agricultura", afirma García.

Unha das obrigas que impón a nova PAC é a de que cada agricultor ou gandeiro empregue un caderno dixital na súa rutina diaria. Un requisito que, malia ser flexibilizado en parte para os pequenos agricultores, debe de estenderse a todas as explotacións.

"Non hai as ferramentas informáticas operativas malia que o prazo comezou hai un mes. Imos ter un problema de tempo. E trasládase ao agriculor e ao gandeiro unhas obrigas dixitais de anotar onde leva as vacas pacer, os fertilizantes que emprega e as cantidades, sen ter en conta cal é o grado de manexo ou de cobertura en moitas zonas do rural. Piden que neste primeiro ano os erros no manexo do caderno dixital non teñan unha penalización nas axudas que se van percibir", segundo o secretario xeral de Unións Agrarias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade