Roberto García: "Queremos que se supriman as medidas da PAC que non teñen sentido"
Roberto García: "Queremos que se supriman as medidas da PAC que non teñen sentido"
O secretario xeral de Unións Agrarias reúnese hoxe co ministro de Agricultura
Cre que a burocracia pon en perigo a continuidade de moitas explotacións
Asegura que as protestas dos agricultores franceses son lícitas, pero non para "construír unha posición de vantaxe ilegal" ou desprestixiar produtos doutros países da UE
Pide tamén unha política de Estado de seguro mínimo para afrontar as perdas causadas polo cambio climático
Este venres reúnense en Madrid representantes das organizacións profesionais agrarias co ministro de Agricultura, Luis Planas. Sobre a mesa, as súas peticións de modificación da política agraria común europea (PAC) e medidas para impedir a competencia desleal dos produtos de terceiros países.
Entre os asistentes á reunión no Ministerio de Agricultura estará Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias-UPA. No Galicia por diante da Radio Galega explicou que "moitas das medidas incluídas na PAC non teñen sentido, pola súa imposible aplicación, polo seu custo ou porque supoñen atrancos burocráticos e tecnolóxicos aos que se teñen que enfrontar explotacións cunhas características específicas como as galegas".
Di Roberto García que a PAC debe "adaptar as normas de convivencia medioambiental coa viabilidade económica e técnica". Afirma que algunhas das esixencias "non só son custosas, senón que provocan un incremento dos custos de produción que fan que haxa serias dificultades en trasladalos aos prezos do leite o da carne".
Considera que esas normas "son inviables e inflexibles", como o feito de que haxa que modificar cisternas ou que obrigue a efectuar trámites telemáticos, "sen coñecer a realidade de moitas partes de Galicia, onde hai problemas de cobertura ou a maioría dos titulares son persoas de avanzada idade con dificultades para manexar os cadernos dixitais".
Di que son necesarios os controis "pero non a burocracia" e que lle pedirán ao ministro de Agricultura "que se modifiquen e non se aplique a toda España, que non supoña un custo non asumible".
Aínda que recoñece que Luis Planas non pode modificar unilateralmente normas europeas, si asegura que "hai normas nas que cada país ten a súa especificidade na aplicación", como o caso do decreto que obriga a haber un veterinario por explotación. "É imposible porque, ademais de supoñer un novo custo, non hai veterinarios suficientes", asegura.
Tamén avoga pola posta en marcha "de mecanismos de control das carnes procedentes do Mercosur" ou para que froita procedente do Brasil ou Marrocos cumpra cos mesmos requisitos que a europea.
Con todo, Roberto García cre que "vemos que os agricultores franceses aproveitan para impedir a libre circulación de produtos doutros estados membros", accións que tacha de "certo proteccionismo".
Cre que estas prácticas teñen que ser castigadas pola UE, que debe garantir o mercado único. "Teñen todo o dereito a manifestarse, pero non para construír unha posición de vantaxe ilegal", conclúe.
Roberto García recoñece danos causados polos agricultores franceses aos produtos frescos que saíron de España e produtos galegos como a carne e o peixe. "Teñen todo o dereito a reclamar os mesmos criterios aos produtos de fóra da Unión Europea, pero teñen que respectar o resto dos agricultores e gandeiros que tamén formamos parte da UE".
Di que "nós tamén formamos parte da Unión e hai medidas que nalgúns casos benefician e noutros casos prexudican".
Asegura que "estamos a sufrir competencia desleal dende hai moito tempo de partidas de queixo de Alemaña ou Francia que, para regular o seu mercado, véndenos a un prezo inferior ao da produción, e nós non impedimos a entrada de produtos franceses", recalca, "senón que denunciamos casos concretos de ilegalidade e que se actúe".
O secretario xeral de Unións Agrarias cre que "non ten sentido esa campaña de desprestixio a diferentes produtos: primeiro os amorodos, agora os tomates e outro día será outra cousa".
A situación de fondo, di, é "non trasladar máis burocracia ás explotacións, que a Lei de cadea pague prezos por riba do custo da produción e que se faga fronte ao cambio climático e á seca", que son os tres temas que lle formularán hoxe ao ministro.
"E seguiremos todo o mes nas distintas comunidades autónomas, coa unidade de acción de UPA, ASAJA e COAG". As mobilizacións terán un carácter diferente en cada comunidade "para acabar nunha gran manifestación en Madrid".
No caso de Galicia, tentarán evitar "interferir" na campaña electoral. Por iso, hoxe, nunha reunión co resto das organizacións "propoñeremos que Galicia quede para despois do día 18".
Sobre as posibles axudas públicas para cumprir cos requisitos da PAC, Roberto García cre que "o que queremos é que moitas destas esixencias medioambientais se supriman, porque non achegan nada á seguridade alimentaria nin ao pacto verde".
"Hai políticas necesarias, como a investigación de vacinas para doenzas como a da lingua azul, os danos nas explotacións, estamos valorando máis de 1.200 millóns de euros que deben pagar as aseguradoras polos danos do cambio climático".
Pide "unha política de Estado de seguro mínimo de rendas porque non se pode controlar este cambio climático que levará por diante moitas explotacións". Para paliar eses danos, cre que non só son precisas axudas directas "senón tamén a modificación de infraestruturas de regadío".
Sobre eses plans de regadío calcula que serán necesarios "máis de mil millóns de euros" e, no caso de Galicia, "35 millóns na Limia". Pide tamén un plan hidrolóxico nacional con vista a medio e longo prazo que remate coa "loita entre comunidades e concas hidrográficas".