Robles: "As tropas españolas 'nunca' participarán na guerra de Ucraína"
Robles: "As tropas españolas 'nunca' participarán na guerra de Ucraína"
A ministra de Defensa asugura que ningún soldado dun país da OTAN estará no conflito bélico entre Rusia e Ucraína
A ministra de Defensa, Margarita Robles, asegura que as tropas do exército español nunca intervirán na guerra de Ucraína: "Nunca, nunca, ningunha tropa dun país da OTAN, e España é un deles, vai participar na guerra de Ucraína".
Nunha entrevista no xornal La Vanguardia Robles afirmou que a participación de España no conflito é "un escenario absolutamente imposible; inexistente", e recalcou que os soldados españois só intervirían se houbera unha agresión a un país da OTAN.
"Nunca, nunca, ningunha tropa dun país da OTAN, e España é un deles, vai participar na guerra de Ucraína. Nunca, nunca. Quéroo dicir moi claro, moi claro. Antes de falar hai que coñecer o tratado da OTAN e saber que as tropas dun país membro só interveñen se outro país membro é agredido e pide axuda (invocando o artigo 5. do tratado fundacional)", sentencia.
Os tanques e as previsións
Á pregunta de se o Goberno español é partidario dunha compra común europea de munición para Ucraína, respondeu que "a munición está a faltar en todos os países e parece razoable o que expuxo a Unión Europea", asegurando que España está en permanente colaboración cos demais países da UE.
E insistiu en que os tanques Leopard que España enviou a Ucraína "teñen unha exclusiva finalidade: a defensa, nunca a agresión a Rusia".
Robles sinala que "durante os anos do goberno do Partido Popular investiuse moi pouco en defensa" e explica que os tanques 2A4 que están en Zaragoza, "en condicións lamentables, están a ser obxecto de reparación".
Agarda que a súa posta a punto acabe pronto para integralos nun batallón cos tanques doados por outros países, á vez que comezou o adestramento dos homes que deben manexar estes vehículos e dos responsables do seu mantemento.
Apunta a titular de Defensa que todo fai prever que haberá "unha primavera moi sanguenta" en Ucraína, e defendeu textualmente que esta non é unha guerra de exército contra exército, é unha guerra contra a poboación civil ucraína.
Robles explica que non dispoñen de datos para saber se se chegará a un escenario de guerra nuclear, aínda que pensa que non se alcanzará un punto "terriblemente dramático para a humanidade".